A Xunta asina o convenio de colaboración coa Fegamp para realizar programas de atención e protección da saúde en relación coas adiccións
O Executivo galego destina máis de 4 M€ para a atención sanitaria dos trastornos adictivos
A intervención da asistencia sanitaria farase por medio das unidades asistenciais de drogodependencias e unidades de día de titularidade municipal
Os dispositivos sanitarios dos concellos incluídos no ámbito de aplicación desta colaboración cumprirán as directrices e instrucións de coordinación e programación establecidas polo departamento sanitario galego
Ao abeiro deste convenio, as unidades asistenciais de drogodependencias atenderon no pasado ano 7.177 pacientes
A Xunta e a Fegamp están a avanzar no proceso de integración das unidades de atención á drogodependencia de titularidade municipal no Servizo Galego de Saúde
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso, e o de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron recentemente o convenio de colaboración entre o Executivo galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para realizar programas de atención e protección da saúde no eido das adiccións. En virtude deste acordo, a Xunta achegará 4.022.800 euros para o financiamento das actuacións e programas que realicen as unidades de drogodependencia e de día de titularidade municipal.
O obxecto deste convenio que agora se renova establece as condicións que rexen a relación entre a Xunta, a Fegamp e os concellos que se adhiran e acepten as bases que regulan o financiamento e o desenvolvemento de programas de axudas para unidades asistenciais de drogodependencias e unidades de día.
Con este acordo, o Executivo galego dá continuidade aos servizos que xestionan as entidades locais no relativo a prestacións de atención sanitaria aos trastornos adictivos existentes en cada unha delas e fortalece unha asistencia sanitaria accesible e de calidade, fomentando a promoción da saúde e ampliando as medidas para evitar ou diminuír o consumo de substancias prexudiciais para a poboación galega.
A Fegamp, como entidade colaboradora e representante única de todos os concellos que dispoñen de servizos de atención sanitaria de trastornos adictivos, recibirá os fondos da Xunta e será a encargada de transferírllelos aos municipios.
Con este convenio tamén se dá continuidade á implicación das entidades locais na prestación de servizos esenciais para un sector da poboación que padece trastornos adictivos, mantendo a proximidade das persoas usuarias a este tipo de servizos terapéuticos e facilitando a atención a través de dispositivos de carácter municipal ou comarcal.
Funcións que se realizarán
A intervención de asistencia sanitaria e atención aos trastornos adictivos, que se fará a través das unidades asistenciais de drogodependencias e as unidades de día, comprenderá, entre outras funcións, as de indicación ou prescrición e procedementos diagnósticos e terapéuticos; atencións de saúde mental e a asistencia psiquiátrica e psicolóxica; rehabilitación en pacientes con déficit funcional recuperable; a educación para a saúde no seu ámbito de actuación; a participación nos sistemas de vixilancia e información; a participación na docencia, a formación continuada e a investigación, así como a realización das prestacións sociosanitarias que correspondan con este nivel de asistencia, en coordinación co sistema de servizos sociais, e a participación nas accións de coordinación cos centros de atención primaria.
Os dispositivos sanitarios dos concellos incluídos no ámbito de aplicación deste convenio cumprirán as directrices e instrucións de coordinación e programación establecidas pola Consellería de Sanidade e polo Servizo Galego de Saúde.
Ao abeiro deste convenio, as trece unidades asistenciais de drogodependencias de titularidade municipal atenderon no pasado ano 7.177 pacientes, dos cales 5.688 son homes e 1.489 mulleres.
A Xunta e a Fegamp están a avanzar no proceso de integración das unidades de atención á drogodependencia de titularidade municipal no Servizo Galego de Saúde. Esta integración permitirá optimizar os recursos dispoñibles e ofrecer unha atención máis integral e coordinada a estes colectivos.
Entre tanto, o convenio para o financiamento da asistencia sanitaria nos centros de atención á drogodependencia formalízase entre a Xunta e a Fegamp, que é a que distribúe os recursos entre as diferentes unidades.