A Xunta licita por 943.000 euros o subministro e instalación de sistemas de almacenamento automatizado de farmacia con destino ao Hospital Montecelo de Pontevedra

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 11 de setembro para presentar as súas ofertas

A implementación de sistemas automáticos de almacenamento tipo carrusel permitirá optimizar o espazo físico dispoñible, reducir os tempos de preparación de pedidos internos e mellorar a precisión no control de stock

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025

A Xunta vén de publicar, por medio da Consellería de Sanidade, no Portal de Contrato Públicos, a subministración e instalación de sistemas de almacenamento automatizado de farmacia con destino ao Hospital Montecelo de Pontevedra, por un importe de 943.800 euros.

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 11 de setembro para presentar as súas ofertas.

A presente contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación da área de referencia de Pontevedra e O Salnés coa adquisición de sistemas automáticos de almacenamento tipo carrusel para o Servizo de Farmacia do Hospital Montecelo.

A implementación de sistemas automáticos de almacenamento tipo carrusel permitirá optimizar o espazo físico dispoñible, reducir os tempos de preparación de pedidos internos e mellorar a precisión no control de stock.

Estes sistemas, ademais, facilitan a integración cos sistemas de xestión do hospital, mellorando a rastrexabilidade dos medicamentos e diminuíndo o risco de erros na dispensación.

Así mesmo, estes equipos automatizados contribúen a liberar recursos humanos para tarefas de maior valor asistencial, o que reverte positivamente na calidade da atención farmacéutica.

Data de actualización: 25/08/2025