A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe aos participantes no campamento que se desenvolve no albergue de Gandarío

A Xunta salienta a súa oferta de ocio e tempo libre para as persoas con discapacidade durante o verán

As Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño tamén acollen campamentos para persoas con discapacidade

Bergondo (A Coruña), 27 de agosto de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe a importancia de ofrecer oportunidades de ocio e tempo libre a todo o mundo, con independencia de cales sexan as súas circunstancias. Díxoo durante a visita ao campamento que se desenvolve no albergue de Gandarío, no que os seus participantes desfrutan do contacto coa natureza e co mar con actividades adaptadas ás súas necesidades.

Este campamento forma parte da programación de verán que puxo en marcha a Xunta para persoas con discapacidade, e que se completa con outros que teñen lugar nas Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño. Nestas tres localizacións, puxéronse a disposición das persoas con discapacidade 250 prazas.

A programación do campamento de Gandarío inclúe eventos de praia, como xogos en area ou kaiac, así como veladas nocturnas e noites de animación, entre outras propostas. A Xunta incorporou este ano novo material para o desenvolvemento das actividades, coa compra dunha nova cadeira anfibia para facilitar o acceso á praia.

Ademais da vertente lúdica destes campamentos Begoña Abeijón fixo fincapé na importancia que teñen para fomentar a autonomía, as habilidades sociais e os hábitos de vida saudables. Tamén apuntou que constitúen un recurso de conciliación para as familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2025