A conselleira de Política Social e Igualdade visitou hoxe o Centro Príncipe Felipe para a atención de nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade
Fabiola García advirte ao goberno central que Galicia non aceptará nin imposicións, nin ameazas, nin insultos en relación ao acollemento de menores migrantes
Criticou a falta de diálogo, de planificación e de financiamento por parte do Executivo de Pedro Sánchez
Asegurou que, a día de hoxe, ningunha Comunidade Autónoma sabe cantos menores se queren trasladar, cando se quere facer este traslado e que necesidades educativas, sanitarias ou doutro tipo teñen
Pon en valor a colaboración coa Deputación de Pontevedra para dar continuidade á atención residencial e diúrna no centro Príncipe Felipe
Pontevedra, 28 de agosto de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sinalou hoxe que “non aceptaremos imposicións, nin ameazas nin insultos” e volveu demandar ao Goberno central diálogo, planificación e financiamento para abordar o traslado á Península dos menores migrantes non acompañados. Fíxoo durante unha visita ao Centro Infanto Xuvenil Príncipe Felipe, na que puxo en valor a colaboración entre Xunta e Deputación Provincial para atender ás necesidades dos nenos e adolescentes máis vulnerables. Na visita tamén participaron o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, a deputada provincial de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, e directora do centro, Ana Amoedo.
Fabiola García lamentou que o Executivo de Sánchez prefira a intimidación ao consenso para abordar un tema tan importante como é o benestar e os coidados dos menores migrantes. Ao respecto, manifestou que a día de hoxe ningunha Comunidade Autónoma sabe cantos menores se queren trasladar, cando se vai facer e que necesidades educativas, sanitarias ou doutro tipo teñen.
A conselleira criticou ao Goberno central por pactar cos seus socios en contra da maioría das Comunidades Autónomas, pola falta de coordinación e por pretender que os custos da acollida o asuman na súa totalidade as Comunidades. Ademais, sinalou que a rede de protección de Galicia está ao máximo da súa capacidade e acusou ao Executivo de Pedro Sánchez de querer crear guetos.
Fabiola García lembrou que Comunidades gobernadas tanto polo PP como polo PSOE recorreron ao Tribunal Constitucional porque “é totalmente inaceptable” a maneira en que está a actuar o Executivo central neste asunto.
Convenio co organismo provincial
A titular de Política Social e Igualdade manifestou que a Xunta sempre apostará pola colaboración en favor da protección dos nenos e adolescentes, veñan de onde veñan. Como mostra puxo a recente renovación do convenio coa Deputación de Pontevedra para dar continuidade durante os próximos catro anos aos servizos de acollemento residencial e atención diúrna que se prestan no centro Príncipe Felipe.
O Goberno galego destinará 11,2 millóns de euros ata o 2029 para dar continuidade á atención neste equipamento provincial. O Príncipe Felipe é un centro no que se traballa por pequenos fogares ou unidades de convivencia cos menores e no que se fai unha intervención especializada en función das idades e necesidades que teñan cada un deles.