A Xunta entrega en Burela os premios da cuarta campaña do programa 'Merca no teu comercio' en Lugo concibida para impulsar o comercio local no rural

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto que —ademais de Burela— implica os concellos de Xove, O Vicedo, Viveiro e Cervo

Recordou que está aberto o prazo para presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025, con cinco categorías para recoñecer e poñer en valor os profesionais do sector

Burela (Lugo), 28 de agosto de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e pola alcaldesa de Burela, Carmela López, participou hoxe na entrega de premios da cuarta campaña quincenal do programa Merca no teu comercio na provincia de Lugo, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa devandita federación e que implicou neste caso, a maiores de Burela, os concellos de Xove, O Vicedo, Viveiro e Cervo. Así, despois de que as persoas consumidoras rexistrasen as súas compras, entregáronse 20 tarxetas prepago de 50 euros, que poderán ser utilizadas nos comercios locais adheridos ata o 31 de decembro de 2025.

Esta cuarta campaña lucense desenvolveuse entre o 20 de xullo e o 4 de agosto, co obxectivo de impulsar as vendas no comercio local, visibilizar o seu papel na dinamización económica e social dos concellos rurais e reforzar a súa presenza nas zonas sen tecido asociativo consolidado. Á espera de que se entreguen tamén nos próximos días os premios da quinta campaña celebrada en Meira, continúa aberta —deica este sábado 30 de agosto— a iniciativa de Rábade, como parte dunha estratexia continuada de apoio ao comercio de proximidade.

Premios do Comercio Galego 2025

O director xeral recordou ademais que os establecementos interesados en optar aos Premios do Comercio Galego 2025 poden presentar as súas candidaturas ata o próximo 26 de setembro. Poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.

A convocatoria enmárcase na aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2025