A Xunta apoia a preto dun centenar de entidades de acción voluntaria para reforzar a solidariedade e o compromiso social
A convocatoria de axudas está dotada con máis de 130.000 euros para poñer en valor iniciativas de sensibilización, formación e coordinación
Máis de 600 proxectos, nos que participaron 27.000 persoas, foron seleccionados para estas subvencións desde o lanzamento do programa en 2019
Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2025
A Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria anual de subvencións dirixidas a preto dun centenar de entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e realización de actividades de voluntariado no territorio galego. Esta nova edición do programa de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta cun orzamento de máis de 130.000,00 € e está destinada a apoiar accións que contribúan a construír unha sociedade máis solidaria e participativa.
Deste xeito, a Consellería aposta por iniciativas que poñen en valor a sensibilización, para difundir a participación voluntaria; a formación, que busca adaptar e modernizar o labor das entidades, e a coordinación, centrada no traballo en rede e na cooperación entre organizacións do mesmo eido do voluntariado. Todas as accións son desenvolvidas en Galicia e mediante a participación activa de persoas voluntarias.
Así, as entidades incluídas nesta convocatoria son 42 da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 9 de Ourense, e 30 da provincia de Pontevedra. Ademais e segundo establecían as bases que regulaban este procedemento, as organizacións solicitantes están legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia e contan con seguros obrigatorios para as persoas voluntarias.
636 proxectos con apoio desde 2019
Desde 2019, este programa permitiu apoiar 636 proxectos de voluntariado, impulsados por entidades privadas sen ánimo de lucro, nos que participaron preto de 27.000 persoas voluntarias en toda Galicia. Só nas edicións de 2023 e 2024 recibiron este apoio 237 organizacións, que promoveron accións de alto impacto social.
Este esforzo reflíctese no compromiso continuado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co fortalecemento do tecido asociativo e coa promoción de valores como a solidariedade, a participación cidadá e a cooperación. Cun investimento acumulado que supera os 840.000 euros nos últimos cinco anos, consolídase unha aposta decidida polo voluntariado como motor de cohesión e transformación social.