A Xunta destaca en Celanova o papel dos centros comerciais abertos a prol de dinamizar a actividade comercial e incentivar o consumo de proximidade

Celanova (Ourense), 30 de agosto de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá no Claustro Barroco a 9ª Feira do Stock de Celanova, organizada pola Asociación Celanova Chea e apoiada pola Xunta no marco das axudas aos centros comerciais abertos, das que a entidade foi beneficiaria cunha achega total de 28.000 euros. O evento reúne numerosos establecementos da zona e inclúe actividades para todos os públicos, co obxectivo de dinamizar a actividade comercial da localidade e incentivar o consumo de proximidade.

Durante a visita, Gabriel Alén puxo en valor a iniciativa e subliñou a relevancia dos centros comerciais abertos como elementos chave do ecosistema comercial galego. Nese sentido, lembrou que o Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, orientado a impulsar a competitividade do sector, incorpora medidas específicas para reforzar o seu labor, fomentar a excelencia das súas propostas e incrementar o impacto que xeran na súa contorna. Ademais, lembrou que ata o 26 de setembro está aberto o prazo de recepción de candidaturas para o Premios do Comercio Galego 2025, co obxectivo de recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2025