Belén do Campo destaca o investimento da Xunta de máis de 291.000€ que permitiu renovar a cuberta no CEIP de Sigüeiro en Oroso
A delegada da Xunta lembrou que a Xunta de Galicia está a acometer este ano 131 actuacións en centros educativos da provincia da Coruña cun investimento total de 44M€
Oroso (A Coruña), 2 de setembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Oroso, Alex Doval e polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitou, esta mañá, o CEIP de Sigüeiro en Oroso, no que a Xunta levou a cabo unha obra de renovación integral da súa cuberta por un importe de máis de 291.000 euros que permitirá mellorar a confortabilidade deste centro educativo.
A actuación consistiu na substitución íntegra das cubertas existentes do edificio de educación primaria retirando as placas de fibrocemento e a cobertura de tella cerámica para a posterior instalación de paneis sandwich. Tamén se levou a cabo a substitución das canles e baixantes así como das claraboias existentes instalando cúpulas practicables. A cuberta posterior, de paneis de policarbonato, tamén se renovou con placas de policarbonato celular de 30 mm de espesor. A actuación tamén incluíu a renovación das chemineas e a substitución do pararraios.
CEIP
Belén do Campo destacou que este colexio conta, este ano, con 420 alumnos, de educación infantil e primaria. A representante do Goberno autonómico subliñou a implicación do seu profesorado xa que participan en moitos programas educativos como varios contratos programa, plan proxecta, espacios marker, robótica ou club de ciencias, entre outros.
Ademais, este ano, incrementouse o número de prazas de comedor, modificando os horarios en dúas quendas, para dar servizo a un maior número de alumnado e dar resposta á demanda actual.
Obras
Durante a visita a delegada lembrou que a Xunta de Galicia está a acometer, este ano, 131 actuacións en centros educativos da provincia da Coruña cun investimento total de 44M€.
A delegada da Xunta explicou que todas estas obras se encadran no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “Estamos a dar un forte pulo á modernización dos centros ao abeiro desta folla de ruta, coa que poñemos tamén especial fincapé na sustentabilidade medio ambiental, con actuacións como cambios de cubertas, illamento de fachadas, instalación de novas fiestras ou renovación de luminarias e falsos teitos, entre outras”, detallou Belén do Campo. “Todos estes cambios redundan non só nunha maior eficiencia enerxética dos edificios educativos, senón tamén no confort da comunidade escolar e no seu día a día nos centros”, destacou a representante do Goberno autonómico. Ademais, puntualizou “estamos rematando as intervencións de pequena e mediana envergadura nos colexios e institutos, que se levaron a cabo durante os meses estivais para que estean finalizadas para o inicio do novo curso académico”. “Trátase de arranxos e reformas necesarias no funcionamento do día a día dos centros e moi apreciadas pola comunidade escolar, xa que abranguen traballos de pintura, reparacións varias, actuacións na instalación eléctrica, de fontanería, saneamento e baños ou calefacción, entre outras”, rematou.