A Xunta impulsa en Chantada as xornadas ‘Entrelazar’ centradas no oficio da cestería e na relación entre material, territorio e creación contemporánea

A Fundación Artesanía de Galicia organiza a 3ª edición deste encontro que se celebrará os días 27 e 28 de setembro en San Cristovo de Mouricios

O obxectivo é contribuír á modernización e á innovación no sector artesanal galego tomando como base os oficios tradicionais, os recursos locais, os novos materiais e a contorna rural

Nas xornadas, comisariadas pola deseñadora Inés Sistiaga, abordarase o papel dos oficios en contextos contemporáneos, os usos históricos da cestería, o propio material vinculado ao territorio e a súa influencia na paisaxe

No marco desta iniciativa, celebrarase tamén o curso ‘Circula o territorio a través das mans’, que impartirá a artista colombiana Rosana Escobar do 22 ao 26 de setembro e para o que xa están abertas as inscricións na web de Artesanía de Galicia

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025

A Fundación Artesanía de Galicia organiza os días 27 e 28 de setembro as xornadas Entrelazar, centradas no oficio da cestería desde unha visión transversal e na relación entre o material, o territorio e a creación da artesanía contemporánea. Trátase da terceira edición dunha iniciativa posta en marcha pola Xunta no ano 2023, en colaboración co Espacio Vilaseco e Os Casares en San Cristovo de Mouricios (Chantada), co obxectivo de contribuír á modernización e á innovación no sector artesanal galego tomando como base os oficios tradicionais, os recursos locais, os novos materiais e a contorna rural.

As xornadas están comisariadas pola deseñadora e investigadora téxtil Inés Sistiaga (Barcelona) e divididas en catro mesas de debate enfocadas en aspectos históricos, técnicos, teóricos e experimentais nas que se poderán explorar temas como a materia prima, os cultivos, a paisaxe e o territorio, así como os modos nos que estes oficios se comparten e transforman ao longo do tempo para existir no contexto actual de transformación ecolóxica, social e produtiva.

Programa das Xornadas

As xornadas comezan cunha conferencia de Rosana Escobar, que nos últimos anos está a desenvolver a súa práctica entre Colombia e Europa, creando unha ponte que facilita diálogos e explora escenarios onde se atopan a artesanía local, o mercado global, a arte, o deseño e a industria.

A mesa Material. Contexto e territorio contará coa participación de tres cesteiros expertos: Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Belén Martínez da marca Casa Atlântica (Redondela) e Jorge Filipe de Sá Pinheiro (Viana do Castelo / O Carballiño), e estará moderada polo ceramista e arquitecto Carlos Jiménez (Murcia).

O sábado remata coa mesa Oficio. Artesanía e Industria, na que participarán o cesteiro Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Catuxa Fernández da marca de calzado artesanal Aldanondoyfez (Barcelona) e Enrique de Santiago, senior project manager en Loewe (Madrid). A mesa estará moderada pola analista de tendencias Francesca Tur (Ibiza).

O domingo pola mañá terán lugar as outras dúas mesas de debate. A tecedeira, historiadora e comisaria de exposicións Lala de Dios (Madrid) encargarase de moderar a mesa Tempo. Usos históricos, na que participarán Alejandro García Hermida (Madrid), María Martín Seijo (Santiago de Compostela) e Amelie Aranguren en representación de Paisanaje (Madrid). As xornadas pechan coa mesa Experimento. Busca material, na que participarán Belén Cabello e Marta Moya de Fondo Supper Club (Madrid), un estudo de deseño gastronómico, e Stef Silva e Paula Martín, de Invisible Lab (Madrid), un laboratorio de investigación e deseño. A mesa estará moderada pola arquitecta e investigadora Raquel Buj.

Taller con Rosana Escobar

Entre os días 22 e 26 de setembro desenvolverase no Espazo Vilaseco de Mouricios (Chantada) o taller Circula o territorio a través das mans, dirixido por Rosana Escobar, en colaboración con Idoia Cuesta e Jorge Filipe de Sá Pinheiro. Reinterpretarase o liño e o vimbio cultivado no espazo, buscando expresións artísticas que vaian máis alá do utilitario e cun enfoque que pon o material como protagonista. Exploraranse os materiais como parte dun ecosistema vivo, conectándonos coa paisaxe galega a través do liño e o vimbio. Guiados por Jorge Filipe de Sá Pinheiro, os participantes familiarizaranse co ciclo de vida do liño, mentres Idoia Cuesta acompañará no proceso de plantación e extracción da fibra de vimbio. Da man de Rosana Escobar e Idoia Cuesta, crearase unha librería de mostras para establecer un diálogo co material e tender pontes entre tradicional e contemporáneo. A experiencia pecharase cunha exposición colectiva no Espazo Vilaseco cos procesos desenvolvidos durante o taller. O horario será de 10:00 a 14:00 h. e de 15:30 a 19:30 h., con 15 prazas dispoñibles.

As inscricións para as xornadas e o taller están abertas na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.

Data de actualización: 02/09/2025