Medio Rural enxalza a calidade dos queixos galegos amparados por denominacións de orixe protexida

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria realizou hoxe unha visita ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Cebreiro, onde avaliaron a posta en marcha de accións para promocionar este produto

 

Pedrafita do Cebreiro (Lugo), 2 de setembro de 2025

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, visitou esta mañá as instalacións do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo do Cebreiro. Deste xeito, o director aproveitou para poñer en valor o calidade dos queixos galegos representados por denominacións de orixe protexidas.

Esta visita serviu para analizar a situación desta DOP, que conta con tres operadores e oito gandeiros adheridos, e que leva incrementando a súa produción certificada dende o ano 2016. Deste xeito, avaliouse a posibilidade de levar a cabo accións de promoción para consolidar o actual nivel de produción, co obxectivo de que sirva tamén de estímulo para a creación de novas queixerías dentro deste distintivo.

Neste sentido, a DOP Queixo do Cebreiro acadou o pasado ano unha produción superior aos 60.000 quilogramos cun valor estimado de preto de 760.000 euros deste produto que se elabora nas zonas de montaña do leste da provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2025