A conselleira de Política Social e Igualdade mantivo un encontro de traballo con representantes das principais patronais do sector

Fabiola García agradece o labor de integración e inclusión impulsado polas entidades sociais que traballan no sistema de protección de menores

A conselleira pon en valor o modelo galego, que se basea na integración dos menores, na proximidade, no arraigamento na contorna e no acompañamento máis alá dos 18 anos

Traslada a preocupación da Xunta ante a intención do Goberno central de acometer o traslado de 317 menores non acompañados sen diálogo e sen financiamento

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes das principais entidades sociais que forman parte do sistema autonómico de protección de menores. No encontro con directivos de Agaceme (Asociación galega de centros de menores) e Gafix (Asociación Galega de Familia, Infancia e Xuventude), agradeceu o traballo destas entidades, que ten permitido que o sistema de protección de menores de Galicia destaque a nivel estatal polo seu carácter inclusivo e integrador.

Fabiola García puxo en valor o sistema de protección de Galicia, un dos modelos máis integradores de España e que se fundamenta na integración dos menores sen distinguir pola súa procedencia, xunto á proximidade, ao arraigamento na contorna e ao acompañamento máis alá dos 18 anos. A conselleira destacou, ademais, que Galicia prioriza o acollemento familiar sobre o ingreso en centros, sendo a segunda comunidade con mellores ratios en acollemento familiar.

Na reunión, a conselleira trasladoulle ás entidades a preocupación da Xunta de Galicia ante a intención do Goberno central de poñer en risco este sistema integrador co traslado a Galicia de 317 menores migrantes non acompañados sen financiamento asociado e sen diálogo nin planificación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2025