Medio Rural e a Fundación Monte do Gozo colaboran para mellorar a capacitación e reinserción de persoas en risco de exclusión social na actividade agraria

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, subscribiu hoxe a colaboración coa fundación

Ofrecerase un programa educativo-terapéutico para mozos e mozas con adiccións no que recibirán formación cara o emprego rural

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería de Medio Rural, Martín Alemparte, asinou hoxe en Santiago de Compostela un convenio de colaboración coa Fundación Monte do Gozo para desenvolver un programa educativo-terapéutico destinado a mozos e mozas con adiccións. Así, a iniciativa ten por obxecto a súa formación en disciplinas afíns á actividade agraria e silvicultura.

O proxecto, centrado especialmente naquelas persoas que a súa potencialidade supoña unha alternativa con proxección cara ao emprego rural, lévase a cabo na Comunidade Terapéutica de Proxecto Home Galicia, en Cernadas, na que os usuarios permanecen en réxime de internado. Cunha duración aproximada de 11 meses, ofrece aos beneficiarios alternativas laborais e vitais no ámbito agroalimentario, actividade coherente coas competencias estatutarias da Axencia, que persigue a incorporación de novos activos na actividade agroalimentaria galega.

Deste xeito, os participantes reciben formación en materias como a iniciación á horticultura, fruticultura, cultivos intensivos baixo abrigo, instalacións para cultivo de horta e técnicas de rego, fertilización en invernadoiros e compostaxe e inclúe contidos tanto teóricos como prácticos.

Neste senso, Alemparte recalcou que a cooperación entre o sector público e as entidades sociais facilita o impulso de "accións reais que axudan a mellorar as opcións de atopar traballo para as persoas en situación de vulnerabilidade” e salientou que “a formación resulta clave para xerar autonomía, dignidade e futuro”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2026