Belén do Campo visita o buque escola da mariña portuguesa NRP Sagres atracado no porto coruñés

A Coruña, 2 de setembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, realizou hoxe unha visita ao buque escola da mariña portuguesa, o NRP Sagres, atracado no porto herculino dentro da ruta de instrución das súas alumnas e alumnos e de representación institucional do seu país.

A representante autonómica foi recibida polo Comandante do Navío e Capitán de Fragata, José Eduardo de Sousa Luís e polo Embaixador de Portugal, José Augusto Duarte. Na visita coñeceu as  instalacións e o papel formativo do Sagres na preparación dos futuros oficiais da armada lusa. A delegada salientou a importancia deste tipo de visitas para reforzar os lazos históricos, culturais e de cooperación entre Galicia e Portugal.

“O Sagres non é só un barco escola, é tamén un embaixador flotante da tradición marítima atlántica que compartimos”, subliñou. Así mesmo, agradeceu á tripulación a súa hospitalidade e felicitou á mariña portuguesa polo labor de formación e divulgación que desenvolve a través desta emblemática embarcación.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2025