A Xunta pon en valor o traballo do instituto de medicina legal de Galicia na emisión de valoracións e na aposta pola innovación e o intercambio de información
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, analizou no Parlamento os datos da memoria de actividade de 2024 do organismo, da que destaca o rexistro de 34.000 solicitudes e a emisión de máis de 27.100 informes
Incidiu no traballo do Imelga no ámbito da violencia sobre a muller a través da asistencia ás vítimas, coas valoracións da violencia física ou coa atención integral prestada desde as Unidades de Valoración Forense Integral
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, fixo balance hoxe no Parlamento de Galicia dos principais datos da memoria de actividade de 2024 do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), que concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Segundo os datos detallados, o Imelga rexistrou o ano pasado case 34.000 solicitudes e emitíronse máis de 27.100 informes. Nesta liña, aclarou que a maior parte das peticións recibidas foron resoltas, salvo algunhas que foron inadmitidas ou casos nos que hai entrevistas, documentación ou probas complementarias pendentes polas que non é posible aínda emitir informe.
Destacou que dentro da pericia médica, rexistráronse máis de 14.400 peticións o ano pasado de valoracións psiquiátricas forenses, o que supón 54% das peticións. Dentro deste tipo de valoracións sinalou como as de maior demanda no ámbito civil os internamentos involuntarios psiquiátricos e residenciais. Isto débese -aclarou- ao envellecemento da poboación e aos cambios derivados da reforma estatal da lexislación civil e procesual para o apoio a persoas con discapacidade, que obriga á revisión de medidas acordadas.
No que se refire ás pericias psicosociais, nas que participan psicólogos e traballadores sociais medraron de 886 ata 2.836, o que supón máis do triplo e sobre todo centradas en casos de controversias familiares. Tamén é representativo o feito de que se duplicara o número de probas preconstituídas nos menores -de 148 a 349- para garantir a súa privacidade durante as súas declaracións.
Outro dos aspectos recollidos na memoria fai referencia á actividade do Imelga no ámbito da violencia sobre a muller e céntrase en tres áreas: a asistencia as vítimas de violencia sexual como actividade de garda, con resposta inmediata; a valoración da violencia física no contexto da valoración de dano corporal; e a valoración integral da violencia de xénero, levada a cabo polas Unidades de Valoración Forense Integral (UVFI), que comezaron a funcionar en todas as subdireccións en 2023, e que triplicaron as valoracións integrais ata superar as 300.
Canto ao servizo de Patoloxía Forense, este encárgase de todas as pericias que teñen por obxecto coñecer a causa e circunstancias da morte nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade. Así, en 2024 mantívose estable o volume de traballo con 2.008 mortes investigadas, divididas practicamente a partes iguais entre autopsias que se consideraron mortes naturais (1.002) e violentas (1.006). Das mortes naturais a causa más frecuente foi a patoloxía cardiovascular, cun 74% do total e 745 casos.
Aposta pola dixitalización e as novas tecnoloxías
José Tronchoni detallou os avances levados a cabo no eido da dixitalización e puxo como exemplo o libro de autopsias dixital, a través do que o Imelga conecta de forma automatizada coa base de datos do INE grazas ao Robot INE, unha ferramenta de intelixencia artificial recoñecida pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). Tamén se desenvolveron outras ferramentas que permiten realizar informes de avaliación de dano corporal na aplicación Simelga, onde ademais se habilitou un módulo de interconsulta co que realizar o intercambio de información para mellorar a actividade dos equipos psicosociais. Do mesmo xeito, implantouse o programa piloto Visor Exe en Ourense co fin de axilizar as comunicacións cos xulgados e coa previsión de estendelo a todo Imelga este ano, rematouse a implantación das salas de vistas dixitais e iniciouse a aplicación da tecnoloxías de xeoreferenciación que, por exemplo, nos datos de violencia de xénero ou sexual, de accidentes de tráfico ou suicidios ofrece mapas por partidos xudiciais para estudos preventivos e colaboracións institucionais.
Por outra parte, o director xeral abordou a colaboración con outras institucións. Como recolle, a memoria de 2024, co Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Consellería de Sanidade, o instituto colabora a través dun convenio en materia de violencia ou agresión sexual. Co Sergas tamén participa no Programa de prevención e posvención das condutas suicidas en Galicia e, por outra parte, intervén no Consello interdepartamental de coordinación para a prevención destes casos. Fixo referencia, por outra parte, aos grupos de traballo para o desenvolvemento tanto do protocolo para a coordinación de actuacións nas defuncións e a súa certificación como do protocolo de violencia sexual na adolescencia. Ademais, o Imelga colaborou en 2024 coa Axencia Galega de Emerxencias nun simulacro de accidente aéreo en Santiago.
Na intervención, por outra parte, mencionou outros avances con repercusións positivas para a cidadanía como a publicación da Guía sobre o procedemento forense para entregar aos familiares dunha persoa falecida nos supostos de morte xudicial ou a creación de códigos QR desde onde descargar documentos nos dispositivos de garda dos médicos forenses e poñelos a disposición dos familiares da vítima.
O director xeral de Xustiza sinalou que dentro das funcións do organismo inclúese a investigación científica e a formación tanto de profesionais do Imelga como doutras institucións. Así, no marco deste compromiso coa formación leváronse a cabo cursos especializados na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a través do Centro de Estudos Xurídicos.