O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou en Vigo na presentación do anuncio da campaña ‘Xoga en equipo’, da Federación de Comercio de Pontevedra

A Xunta apela á colaboración público-privada e á implicación cidadá para fortalecer o comercio pontevedrés e os seus 11.000 establecementos

No marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, José González incidiu na necesidade de apoiar accións como esta na que o adestrador do RC Celta de Vigo, Claudio Giráldez, é quen insta ao consumo local no anuncio que se vén de presentar

O conselleiro referiuse a outras medidas do Plan pioneiras, como ‘Vilas vivas’ ou ‘Prato de mercado’, ademais doutras para favorecer a remuda e o emprendemento ou do convenio coa Federación Galega de Comercio, cun importe de 690.000 euros este ano

No marco dese convenio, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou tamén hoxe na entrega de premios da quinta campaña quincenal do programa ’Merca no teu comercio’ na provincia de Pontevedra

Vigo, 3 de setembro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde na presentación do anuncio da campaña Xoga en equipo. Aposta polo comercio local, impulsada pola Federación de Comercio de Pontevedra e apoiada pola Xunta de Galicia. No acto tamén participaron a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias.

Así mesmo, o conselleiro agradeceu a presenza do adestrador do Real Club Celta de Vigo, Claudio Giráldez, protagonista do anuncio e, polo tanto, a persoa que se dirixe á clientela potencial para apelar ao consumo no comercio pontevedrés. Un comercio que está constituído por máis de 11.000 establecementos que xeran 39.000 empregos directos, polo que cómpre —destacou— “xogar en equipo” para poñer de relevo a súa calidade e variedade.

Nese senso, para render homenaxe a todas aquelas persoas que sempre poñen ao noso alcance os produtos e servizos que máis precisamos, González resaltou a necesidade da colaboración público-privada, neste caso coa Xunta, Deputación de Pontevedra, Federación de Comercio e Abanca da man. Con todo, engadiu, a principal involucrada debe ser a cidadanía. Sen ela, sinalou, non hai xeito de garantir o futuro dos nosos comercios, fundamental para a nosa idiosincrasia e economía.

Nesa liña, o titular de Emprego fixo alusión á mesa redonda que hoxe se celebrou aproveitando o acto, para reflexionar sobre variables como a identidade do noso comercio, a súa capacidade de innovación e modernización ou a súa competencia e esforzo. Todos estes aspectos e moitos máis, segundo salientou, están incluídos no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, pola capacidade do sector para construír territorio, para fixar poboación e para o desenvolvemento económico e social.

Cun investimento 320 millóns de euros, o conselleiro recordou os tres eixes dos que se compón o Plan (competitividade, dinamización e gobernanza) e as súas máis de 70 accións, poñendo o foco nos diferentes axentes do ecosistema: comerciantes, asociacións e federacións, centros comerciais abertos, prazas de abastos, tecido artesán ou a propia Administración. Un plan que contempla accións pioneiras de comercio de atracción como Vilas vivas, cuxo piloto se desenvolveu en Ribadavia, ou Prato de mercado, para promover sinerxías entre as prazas de abastos e os restaurantes das súas contornas.

A maiores, ponse o foco na remuda xeracional e no emprendemento, aproveitando sinerxías coa Rede de polos despregada por toda Galicia. Tamén na excelencia, con accións como os Premios do Comercio Galego 2025, abertos deica o 26 deste mes de setembro para que presenten candidatura todos os negocios interesados. No caso do terceiro eixe, reforzarase a coordinación e a cooperación entre administracións, entidades e o propio sector, con accións como a que hoxe se pon de relevo.

Convenio coa Federación Galega de Comercio

Este plan compleméntase tamén coa sinatura de convenios como o subscrito coa Federación Galega de Comercio, con tres eixes fundamentais arredor do asesoramento e a formación, do impulso da dixitalización e da promoción comercial, con campañas clave como Días azuis e Merca no teu comercio, recoñecidas polo seu impacto positivo tanto na cidadanía como nos negocios. Hoxe mesmo o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou en Vigo na entrega de premios da quinta edición de Merca no teu comercio en Pontevedra, lembrando que actualmente están activas na provincia as campañas de Meaño e Poio cun dobre obxectivo: por unha banda, aumentar o impacto da iniciativa nestas localidades e, pola outra, fomentar o interese polo asociacionismo comercial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2025