A Xunta anima a participar na carreira solidaria ‘Holi Run Aspnais’ que se celebrará en Lugo o 13 de setembro
Lugo, 4 de setembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da ‘I Holi Run Aspnais 2025’, unha carreira solidaria que se celebrará en Lugo o sábado 13 de setembro coa colaboración do Goberno galego. No acto estiveron tamén o presidente de Aspnais, José Reigosa, e representantes doutras entidades colaboradoras.
A Holi Run de Aspnais é unha experiencia lúdica e inclusiva, dirixida a persoas de todas as idades e inspirada no tradicional festival das cores da India. Os participantes farán un percorrido de 3 quilómetros polas rúas de Lugo, con saída prevista ás 18.30 horas dende as instalacións de Aspnais –na rúa Santiago- e chegada ao parque de Rosalía, onde haberá unha sesión de disco móbil para pechar a xornada.
A inscrición ten un custo de 5 euros e inclúe un pack solidario composto por unha camiseta, unha bolsa de polvos holi, unha botella de auga e unha chocolatina.
Os polvos holi están elaborados con almidón de millo e colorantes alimentarios, polo que son produtos libres de alérxenos, sen glute e respectuosos co medio ambiente. Ademais, a súa composición natural permite unha limpeza sinxela e evita que queden residuos nas rúas grazas á súa biodegradabilidade.
O delegado territorial animou aos lucenses a sumarse a esta iniciativa “que combina deporte e solidariedade nun ambiente cheo de cor”. Arias reafirmou ademais o apoio da Xunta a Aspnais e puxo en valor o “labor fundamental que realizan día a día para favorecer a inclusión das persoas con discapacidade e apoiar ás súas familias”.