Medio Rural salienta a importancia da produción de pataca para o agro galego e a comarca da Limia

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asistiu hoxe ao inicio da campaña de recollida da pataca e, ademais, participou nunha xornada técnica sobre sanidade vexetal, fertilización e rego, enmarcada na Feira Alimagro

Xinzo de Limia (Ourense), 4 de setembro de 2025

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, asistiu hoxe ao inicio da campaña de recollida de pataca da Limia, onde destacou a importancia desta produción para o agro galego e para esta comarca ourensá. Neste sentido, o director xeral puxo en valor a bisbarra da Limia como unha das zonas agrarias máis produtivas de Galicia, sendo un exemplo das oportunidades que xera a actividade agropecuaria para xerar riqueza e fixar poboación no rural.

Posteriormente, participou na terceira Xornada Técnica da Pataca na que se prestou unha especial atención á sanidade vexetal, á eficiencia na fertilización e á calidade e cantidade de auga para o regadío. Neste sentido, cómpre salientar que a Xunta destina este ano case 30 millóns de euros para reforzar a seguridade e a sanidade vexetal e animal, o que supón un incremento do 43% con respecto ao 2024. Estes fondos serven para a loita e control fronte pragas vexetais, así como diante de doenzas da cabana gandeira.

Todas estas actividades enmárcanse dentro da programación da VI Feira Alimagro que comeza mañá en Xinzo de Limia, que contará con numerosos expositores ao longos dos seus tres días de celebración. Entre eles, estarán algunhas das empresas máis destacadas do sector da pataca en Galicia, pero tamén de España, que amosarán os seus produtos e innovacións agrícolas.

A maiores, tamén terá lugar a Feira da Maquinaria coa participación de empresas do sector que presentarán en parte ás principais marcas. Cómpre salientar que, este ano, desde a Consellería do Medio Rural mobilizáronse uns 2,8 millóns de euros en axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2025