O conselleiro de Sanidade asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde, Luis Oujo, e visitou o centro de saúde do municipio acompañado do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio
Gómez Caamaño reitera o compromiso da Xunta coa sanidade pública de Porto do Son cunha nova reforma do centro de saúde mentres se impulsa o novo equipamento
As melloras suporán un investimento total de 43.000 euros, financiados ao 50 % entre a Xunta e o Concello
As obras centraranse na fachada traseira, que se limpará antes de impermeabilízala e, na cuberta, na que se levará a cabo unha limpeza e saneamento completos
O conselleiro sinala que a Xunta e o Concello están a impulsar a construción dun novo centro de saúde que terá unha superficie de 1.800m2, incorporando máis consultas e novos servizos
Salienta a aposta da Xunta por reforzar a atención primaria, combinando tarefas de mantemento e a planificación de novos proxectos
Porto do Son (A Coruña), 5 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe o compromiso da Xunta coa sanidade pública de Porto do Son, materializado nunha nova reforma do centro de saúde mentres se impulsa o novo equipamento.
O titular da carteira sanitaria da Xunta visitou hoxe este municipio coruñés e asinou co rexedor municipal un convenio de colaboración, financiado ao 50 % entre a Xunta e o Concello, para acometer unha nova reforma do centro de saúde, cun investimento total de 43.000 euros.
Esta nova obra é continuación da realizada no ano 2024, mediante a que se reformou a cuberta do centro, e na que se investiran preto de 12.000 euros.
No acto, no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o conselleiro explicou que as melloras no centro se aplicarán sobre a fachada traseira, que se limpará antes de proceder á súa impermeabilización co propósito de reforzar a súa protección fronte á humidade.
Polo que atinxe á cuberta, realizarase unha limpeza e saneamento completos, o que implica o lavado da parte traseira do tellado e a reposición das tellas rotas. Na zona dianteira, levantaranse as tellas para eliminar musgo e herbas daniñas. Ademais, impermeabilizaranse as chemineas. Tamén se rematará a cubrición da entrada principal.
O máximo responsable sanitario da Xunta incidiu é que o obxectivo destas melloras é ofrecerlles aos profesionais e usuarios da sanidade pública o espazo máis axeitado para a prestación da asistencia á cidadanía.
Segundo sinalou, estas obras enmárcanse na liña de traballo da Xunta de reforzar a atención primaria en toda a comunidade, combinando tarefas de mantemento inmediato sobre as infraestruturas existentes e a planificación de novos proxectos.
Novo centro de saúde
Na súa intervención, Gómez Caamaño avanzou que a Xunta e o Concello están a traballar nun proxecto moito máis ambicioso, a construción dun novo centro de saúde en Porto do Son, infraestrutura que terá unha superficie de 1.800 m2.
O novo centro aumentará de xeito significativo a capacidade asistencial incorporando máis consultas de medicina e de enfermería, ademais de dispoñer de novos servizos como odontoloxía ou fisioterapia e áreas específicas para pediatría e atención á muller.
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que xa está identificado o solar onde se emprazará o novo centro de saúde, nun lugar céntrico e accesible á cidadanía, e explicou que o Concello ultimou xa a unificación das parcelas necesarias para a súa construción.
Tan pronto como o Concello poña os terreos á disposición da Xunta, o Executivo galego empezará a traballar de inmediato na redacción do proxecto básico e de execución para avanzar coa maior axilidade posible. O conselleiro agarda poder iniciar este traballo xa o vindeiro ano.
Gómez Caamaño dixo que a Xunta ten a máxima vontade de traballar da man co municipio para conseguir unha infraestrutura sanitaria moderna e eficiente que cumpra con todos os requirimentos da normativa urbanística e que conte cun deseño que permita a maior accesibilidade e funcionalidade posible.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro amosou o seu recoñecemento ao traballo do alcalde, así como a colaboración dos profesionais sanitarios, fundamentais para que estas actuacións poidan levarse a cabo con éxito.
O conselleiro e o xerente da área sanitaria, xunto co alcalde, realizaron tamén hoxe unha visita ao centro de saúde municipal.