A Xunta licita por máis de 688.000 euros a organización, planificación e execución do traslado e posta en marcha do Hospital Novo Montecelo

O obxectivo é garantir unha execución eficaz, ordenada e segura das actividades necesarias para o traslado e posta en funcionamento do novo hospital público de Pontevedra

Será preciso establecer unha secuencia do traslado cun cronograma detallado no que se representen todas as fases e as actuacións previas necesarias

O contrato inclúe a definición do procedemento para o traslado do mobiliario e equipos ao novo centro, así como asistencia técnica e apoio na recepción do equipamento de nova adquisición

Será preciso, ademais, identificar as circulacións para o traslado de pacientes, a planificación da acollida de usuarios e profesionais no novo centro e a planificación do funcionamento simultáneo de servizos cando sexa preciso

Elaborarase un plan específico para a xestión, traslado e protección da documentación confidencial do hospital, conforme á normativa vixente

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 24 de agosto para presentar as súas ofertas a este contrato, que ten un período de execución total de 9 meses

Este contrato non inclúe a posta en funcionamento de radioterapia, que está prevista para este mesmo ano

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2026

O Portal de Contratos Públicos da Xunta publica hoxe a licitación, por importe de 688.933 euros, do servizo de organización, panificación e execución dos procesos necesarios para o traslado da actividade cara ao Hospital Novo Montecelo de Pontevedra.

O obxectivo desta contratación é garantir unha execución eficaz, ordenada e segura do conxunto de actividades que resultan precisas para o traslado e posta en funcionamento do novo hospital público de Pontevedra. O contrato inclúe a definición do procedemento para o traslado do mobiliario e equipos ao novo centro, así como asistencia técnica e apoio na recepción do equipamento de nova adquisición

O responsable da prestación deste servizo deberá realizar un inventario previo e xestión de espazos, incluíndo o equipamento e os mobles que se deben trasladar, así como a xestión de espazos sobre planos, identificando o emprazamento físico de cada elemento nos distintos servizos, áreas e dependencias.

En relación co equipamento, deberá, ademais, realizarse unha valoración dos equipos críticos ou susceptibles de traslados por fases e as limitacións loxísticas que levan aparellados.

Será necesario, tamén, o establecemento da secuencia de execución do traslado, elaborando un cronograma detallado no que se representen todas as fases necesarias, así como a configuración dos distintos equipos de traballo multidisciplinares necesarios para a organización, planificación e execución do traslado das diferentes unidades.

No tocante á actividade,  prevese identificar as circulacións para o traslado de pacientes, a planificación da acollida de usuarios e profesionais no novo centro e a planificación do funcionamento simultáneo de servizos cando sexa preciso.

Xunto con iso, elaborarase un plan específico para a xestión, traslado e protección da documentación confidencial do hospital, conforme á normativa vixente, ao tempo que se definirán os procedementos necesarios para a correcta xestión, depósito e traslado a planta dos residuos que se xeren durante o traslado.

As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 24 de agosto para presentar as súas ofertas.

O prazo de execución do contrato é de 9 meses, destinándose os cinco primeiros meses á planificación, o sexto á supervisión e aprobación do plan pola unidade de seguimento e control e tres meses para a execución material do traslado.

Este cronograma non inclúe a posta en funcionamento de radioterapia, que está prevista para este mesmo ano.

Novo equipamento para o hospital

O Servizo Galego de Saúde completará neste ano o investimento de máis de 30 millóns de euros na dotación de equipamento para o Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra.

Neste senso, o Consello da Xunta abordou a pasada semana un informe no que se detallou o avance do cumprimento da planificación para o equipamento do novo centro hospitalario, e no que está previsto que, en 2026, se invistan 10.351.093 euros.

Este investimento da Xunta engádese ao xa realizado nos anos 2024 e 2025, que ascendía a 21.700.686 euros.

O Goberno galego está a cumprir cos prazos e os investimentos comprometidos para dotar á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés dun complexo sanitario moderno e eficiente co que facer fronte aos retos que presente o futuro. A previsión é que o Novo Hospital Montecelo se poña en funcionamento de xeito progresivo, comezando este mesmo ano con radioterapia.

Data de actualización: 21/07/2026