O presidente da Xunta participou hoxe na Cidade da Cultura nun acto conmemorativo polo primeiro cuarto de século do ensino galego
Rueda enxalza a mellora histórica da educación galega nos últimos 25 anos e reivindica a consolidación dun proxecto colectivo e continuo
Pon especial énfase nas melloras en materia de inclusión, a redución do abandono escolar, o incremento da matrícula de FP ou do número de titulados superiores
Salienta que a suma de vontades entre Administración, comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto, fixo posible que Galicia conte cun dos sistemas máis sólidos, inclusivos e accesibles de España
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe nun acto conmemorativo polos 25 anos do modelo educativo galego, onde puxo en valor a evolución experimentada polo ensino nas dúas últimas décadas e media, produto dun traballo colectivo e continuo, e sinalou os retos que se presentan para o futuro inmediato.
O titular do Goberno galego salientou que a educación en Galicia se consolidou como un proxecto colectivo, resultado do diálogo, do consenso e da continuidade, no que participaron diferentes gobernos, a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto. Subliñou que “a educación son diferentes perspectivas, pluralidade e enriquecerse mutuamente”, e esa suma de vontades fixo posible que Galicia conte hoxe cun dos sistemas educativos máis sólidos, inclusivos e accesibles de España.
Ao facer balance, subliñou o progreso da comunidade en descenso do abandono escolar, “que é tanto como dicir que o sistema educativo engancha, porque se fan as cousas ben”. O abandono escolar pasou do 29,3 % no ano 2000 ao 10,8 % actual, situándose por debaixo da media estatal. Por outra parte, cómpre destacar que a proporción de galegos con estudos superiores duplicouse no mesmo período, chegando ao 42 %, e que o alumnado de FP medrou un 60 % ata acadar os 67.000 estudantes actuais.
Rueda puxo especial énfase na inclusión como sinal de identidade do sistema educativo galego. “As persoas con necesidades teñen que estar igualmente atendidas para que poidan ter as mesmas oportunidades que os demais”. Os datos indican que máis do 93 % do alumnado con necesidades especiais está escolarizado en centros ordinarios, fronte ao 77 % do ano 2000 e ao 85 % da media estatal, grazas ao traballo de máis de 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade.
Tamén se referiu aos avances en recursos e profesorado, asegurando que é dos asuntos aos que lle hai que dar sempre prioridade. Na actualidade, Galicia conta cunha das mellores ratios alumno-profesor do Estado (9,6) e coa cifra máis alta da súa historia. A Xunta destina máis de 3.000 millóns de euros anuais á educación, o que supón un incremento do 50 % respecto ao ano 2000, tendo en conta a inflación.
Entre os desafíos de futuro, o presidente incidiu na necesidade de seguir mellorando de xeito constante e que o sistema educativo sexa capaz de anticipar e acompañar os cambios sociais, tecnolóxicos e produtivos, algo que exemplificou na “revolución silenciosa” da Formación Profesional. Reiterou que é unha boa mostra de que o sistema educativo “foi capaz de adaptarse, unha vez máis, á sociedade, que está demandando persoas formadas en determinados ámbitos”.
Finalmente, Rueda apelou á educación como “un dos mellores expoñentes da Galicia Calidade: calidade no que se fai, cariño facéndoo, e resultados que nos estimulan e tamén nos obrigan a facelo aínda mellor”.