Segue activo o incendio do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio
O lume iniciouse ás 14.56 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de máis de 500 hectáreas
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2025
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, segue activo e afecta unha superficie estimada de máis de 500 hectáreas.
O lume iniciouse ás 14.56 horas de onte e na zona están a rexistrarse fortes refachos de vento que dificultan os labores de extinción. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 3 técnicos, 18 axentes, 22 brigadas, 21 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio 6 helicópteros e 4 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.