O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento e destino definitivo de pediatras de atención primaria e facultativos especialistas de área en postos de difícil cobertura

Resultan nomeados como persoal estatutario fixo 31 profesionais en diversas especialidades na categoría de facultativo especialista de área e 5 pediatras de atención primaria

Tomarán posesión desde mañá martes en hospitais e centros de saúde en postos considerados de difícil cobertura

A Xunta habilita o concurso de méritos como proceso extraordinario para cubrir estas prazas e incentivo para os profesionais

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2025

No día de hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o ingreso en diversas especialidades das categorías de facultativo especialista de área e pediatra de atención primaria.

Este é o segundo proceso de adxudicación de destino definitivo neste proceso selectivo en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área e de pediatra de atención primaria, tras quedar vacantes diversas prazas. A Xunta habilitou o concurso de méritos como proceso extraordinario para cubrir estas prazas, sen exame, como incentivo para os profesionais.

Adxudícanse así as prazas vacantes nas especialidades de alergoloxía (1), análises clínicas (2), anestesioloxía e reanimación (2), cirurxía ortopédica e traumatoloxía (2), cirurxía xeral e do aparello dixestivo (1), medicina interna (7), obstetricia e xinecoloxía (2), pediatría e as súas áreas específicas (2), psicoloxía clínica (1), psiquiatría (7) e radiodiagnóstico (4) e na categoría de pediatra de atención primaria (5).

As persoas nomeadas disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo de toma de posesión remata o 8 de outubro de 2025.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. En casos de forza maior, e a instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación nin recurso.

Data de actualización: 08/09/2025