Medio Rural salienta a súa aposta pola prevención dos incendios forestais con diversas actuacións na provincia de Lugo

A conselleira visitou esta tarde as tarefas preventivas levadas a cabo na parroquia de Labio, en Lugo, e tamén en Becerreá, onde salientou que o Goberno galego destina este ano 50,5 millóns de euros en prevención, un 35% máis que na última década

Explicou que en Labio realizáronse obras de mellora de pistas forestais en algo máis de dous quilómetros, ademais dun paso de auga e dun paso inundable

No caso de Becerreá, sinalou que se acometeron traballos de roza nuns 290 km de pistas forestais e con buldócer en algo máis de 30 km de cortalumes, co obxectivo de mellorar o mantemento das infraestruturas e afondar así na súa eficacia

Lugo, 8 de setembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a provincia de Lugo, onde se levaron a cabo diversas actuacións para favorecer a prevención de incendios forestais. Alí, María José Gómez lembrou que neste 2025 o Goberno autonómico destina 50,5 millóns de euros para prevención, un 35 % máis que hai unha década, que se traducen en actuacións preventivas por todo o territorio, como a xestión de biomasa en zonas estratéxicas, a creación e mellora das infraestruturas preventivas como devasas, puntos de auga ou pistas forestais, entre outros.

De xeito concreto, no concello de Lugo, na parroquia de Labio, realizáronse obras de mellora de pistas forestais en algo máis de dous quilómetros, ademais dun paso de auga e dun paso inundable. Estes labores enmárcanse dentro do proxecto de infraestrutura preventiva do Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, ao abeiro dos fondos Feader e o Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

Mellora de pistas forestais en Becerreá

Posteriormente, María José Gómez trasladouse ata o concello de Becerreá, onde o Distrito Forestal VII A Fonsagrada-Os Ancares acometeu importantes traballos de roza nuns 290 km de pistas forestais. Ademais, realizáronse actuacións con buldócer en algo máis de 30 km de cortalumes, co obxectivo de mellorar o mantemento das infraestruturas e afondar así na súa eficacia.

Gómez afirmou que a prevención “é unha prioridade para o Goberno autonómico”, un compromiso que se materializa en accións como, por exemplo, o convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para apoiar a propietarios e concellos na xestión da biomasa en faixas secundarias a través da empresa pública Seaga.

Así mesmo, lembrou que estas non son as únicas actuacións postas en marcha pola Consellería do Medio Rural no ámbito da prevención. Neste sentido, dispóñense doutras ferramentas que repercuten na prevención como son os polígonos agroforestais ou as permutas, que buscan devolver á produción terras con boa capacidade agronómica; ou os pasteiros, que garanten unha biomasa xestionada que ao mesmo tempo favorece a gandaría en extensivo, actuando como un cortalume natural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2025