A Xunta destaca o programa ‘Mulleres Teimudas’ que este ano acompañou a 18 mulleres con síndrome de Down de Ferrolterra no fomento da súa autonomía
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitaron esta mañá no local da asociación Teima Down a algunhas das participantes
O proxecto contou cunha achega autonómica de preto de 11.600 euros a través das axudas para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade da Consellería de Política Social e Igualdade
Ferrol, 9 de setembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitaron hoxe no local da asociación Teima Down Ferrol ás participantes do programa Mulleres Teimudas que conta co apoio económico da Consellería de Política Social e Igualdade.
A iniciativa, que se viu beneficiada unha achega de preto de 11.600 euros a través da convocatoria de axudas para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pretende apoiar na etapa adulta ás mulleres da entidade, fomentando a igualdade de oportunidades e contribuíndo á redución da dobre discriminación que sofren as mulleres con síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
Así, este ano participaron no proxecto un total de 18 mulleres con idades comprendidas entre os 19 e os 43 anos coas que se levaron a cabo itinerarios de fomento da participación social, a través de acompañamentos personalizados nas súas zonas de orixe para axudalas a buscar recursos de ocio ou alternativas de voluntariado; de autonomía persoal e urbana, para apoialas nos desprazamentos en transporte público, manexo de móbil e redes sociais ou mellora funcional da lecto-escritura; de mediación familiar, e de traballo das habilidades para o emprego.
A delegada territorial puxo en valor o traballo de entidades sociais como Teima Down Ferrol na promoción da igualdade de xénero e atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade e lembrou os preto de 109.000 euros cos que o Goberno galego leva contribuído nos últimos anos ao labor da asociación a través de diferentes convocatorias.