O conselleiro de Sanidade, xunto co director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, inaugurou unha xornada conmemorativa do Día Mundial para a Prevención do Suicidio

Gómez Caamaño avanza que o Proxecto YAM de prevención da conduta suicida na mocidade chegará este curso a 172 centros e ao dobre do alumnado, acadando os 10.000 estudantes

Incide nas políticas públicas que a Xunta desenvolve neste eido, cun Plan específico de prevención do suicidio, unha rede de unidades de prevención intensiva da conduta suicida e hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil

Avanza que o Plan de Saúde Mental 2025-2030 no que está a traballar o Executivo galego recollerá un enfoque transversal do tratamento da conduta suicida

Refire que o Goberno galego e o Colexio de Xornalistas están a elaborar unha guía de boas prácticas para o tratamento das novas relacionadas coa conduta suicida, que será presentada en breve

Destaca que a Xunta dispón de axudas a entidades sociais que realizan programas con fins sociosanitarios, cunha liña específica para a prevención do suicidio dotada con 400.000 euros

Lembra que a prevención da conduta suicida require do esforzo conxunto de todos, tanto dos profesionais sanitarios como dos medios de comunicación, as familias e as diferentes institucións

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que o Proxecto YAM de prevención da conduta suicida na mocidade chegará este curso a 172 centros educativos e ao dobre do alumnado, acadando os 10.000 estudantes.

Gómez Caamaño, acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, interveu no acto de inauguración da xornada conmemorativa do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, que se celebrou no edificio administrativo da  Consellería de Sanidade.

O conselleiro detallou que o programa YAM se despregou no pasado curso en 79 centros educativos e chegou a preto de 5.000 estudantes.

Neste novo curso que acaba de iniciarse, incorporaranse 93 novos centros a esta iniciativa que trata de fomentar a reflexión persoal, o apoio entre iguais e a capacidade de pedir axuda, xa que unha conversa a tempo pode salvar unha vida.

Medidas da Xunta

O titular da carteira sanitaria incidiu nas políticas públicas que a Xunta está a desenvolver no campo da saúde mental. Así, no ano 2017 púxose en marcha un Plan específico de prevención do suicidio e, na actualidade, e como ferramenta clave e vertebradora, o Executivo galego está a traballar no Plan de Saúde Mental 2025-2030, que recollerá un enfoque transversal do tratamento da conduta suicida en cada unha das liñas estratéxicas.

O conselleiro puxo en valor que o traballo desenvolvido pola Xunta permite a Galicia contar cunha rede de unidades de prevención intensiva da conduta suicida, unha en cada área sanitaria, que garanten unha atención rápida e especializada nun prazo máximo de 72 horas. Nestas unidades cóntase con equipos profesionais de psicoloxía clínica, psiquiatría e enfermería de saúde mental para ofrecer apoio inmediato.

A Xunta tamén creou hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias, posto que a prevención debe comezar en idades temperás e o acompañamento nesta etapa é vital e determinante.

Engadido ao anterior, o Goberno galego tamén puxo en marcha programas innovadores como o Código Agarimo, no que colabora o 061 e a Consellería de Educación, que garante unha vía rápida de atención a menores en risco.

O conselleiro tamén referiu que os medios de comunicación son axentes sociais de gran peso nesta materia e o xeito de informar debe contribuír a previr e a salvar vidas. A tal efecto, a Xunta creou un grupo de traballo de comunicación en colaboración co Colexio de Xornalistas que está a elaborar unha guía de boas prácticas para o tratamento das novas relacionadas coa conduta suicida, que será presentada en breve.

Liña de axudas e acompañamento ás persoas vulnerables

Na súa intervención, Gómez Caamaño destacou o papel fundamental das entidades sociais, grazas á súa proximidade e capacidade de chegar a quen máis o necesita. Ao respecto, o Goberno galego dispón de axudas a programas con fins sociosanitarios cunha liña para a prevención do suicidio dotada con 400.000 euros.

Outras das medidas postas en valor polo conselleiro é o Proxecto Aloumiños, levado a cabo grazas á colaboración da Xunta co Colexio de Educadores Sociais, que pon o acento na atención e acompañamento a persoas vulnerables en etapas tardías da vida.

O conselleiro insistiu en que a prevención da conduta suicida require do esforzo conxunto de todos, tanto dos profesionais sanitarios como dos medios de comunicación, as familias e as institucións. Neste sentido, considerou que a xornada que hoxe inaugurou é unha oportunidade para afondar neste problema social: nela, o doutor Víctor Pérez Sola compartirá leccións valiosas sobre a prevención do suicidio, e o profesor Ángel Carracedo abordará a relación entre xenética e conduta suicida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2025