Ourense acolle a campaña de verán “Un alento de vida” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

A cidade acadou, cun total de 3.754 achegas, unha taxa de 36 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid, acudiu a saudar aos doantes e animou á cidadanía a doar sangue no período estival

O obxectivo da iniciativa é sensibilizar á poboación da necesidade de doar nos meses de verán e acadar unha cifra de 22.000 doazóns ata finais de agosto

Ourense, 20 de xullo de 2026.

A cidade de Ourense acolle hoxe, luns 20 de xullo, a iniciativa “Un alento de vida”, a campaña de verán coa que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) está achegando as súas unidades móbiles a concellos de toda Galicia, co obxectivo de fomentar a participación da cidadanía durante o período estival. A veciñanza están convidada a participar na unidade móbil da Axencia que estará estacionada na Rúa do Paseo, das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas.

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo Cid, acompañado polo director de xestión da Axencia, José Luis Beiras Padella, acudiu a saudar aos doantes e animou á cidadanía a colaborar na campaña estival de recollida de doazóns de sangue.

Esta campaña achega a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais do vindeiro mes de agosto, tentando garantir a participación dos galegos e galegas nas campañas da ADOS durante o período estival e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue.

A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.

Colaboración fundamental

A campaña “Un alento de vida” lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.

As persoas que participen na campaña de verán recibirán un agasallo como unha almofada ou un balón de praia pola súa participación e, nesta ocasión, ao carón da unidade móbil instalarase un espazo que simula unha típica terraza de verán. Os doantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía e, deste xeito, simbolizar ese aire que supón para moitos doentes recibir unha transfusión de compoñentes sanguíneos.

Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.

Elevada participación

A Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Ourense que doan sangue. Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, a cidade de Ourense rexistrou un total de 3.754 doazóns de sangue, o que supuxo obter unha taxa de 36 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que se atopa por baixo do índice medio galego (39/1.000).

Desde a Axencia convidan a toda a cidadanía a tomar parte nesta nova campaña de doazón, lembrando que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Data de actualización: 20/07/2026