Medio rural recoñece o traballo dos profesionais do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais este verán e lembra que conforman un dispositivo de referencia europea

A conselleira puxo en valor o traballo realizado por todas as persoas que colaboraron na extinción destes lumes, así como dos servizos de Emerxencias, para expresarlles un “agradecemento profundo e sincero”

María José Gómez salientou o compromiso demostrado polo Goberno autonómico nos últimos anos para mellorar as condicións do persoal, co aumento do tempo de traballo e mellora das súas condicións laborais

Destacou o incremento progresivo no investimento para prevención, unha partida que xa supera neste ano os 50 millóns de euros

Gómez lembrou que, tal e como anunciou onte o Presidente da Xunta, se afondará no convenio asinado coa Fegamp para que a través de Seaga se poida colaborar cos concellos de menos de 10.000 habitantes e xestionar as faixas secundarias das súas parroquias priorizadas

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025

A Xunta quixo “render especial homenaxe” aos profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) que traballaron, e continúan traballando, durante os lumes deste verán, e que conforman un dispositivo de referencia en toda Europa. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en resposta a varias interpelacións no Pleno da Cámara. Deste xeito, quixo recoñecer o traballo realizado por todas as persoas dedicadas á extinción destes incendios, así como dos servizos de Emerxencias, Exército e demais corpos e forzas de seguridade do Estado, para expresarlles “un agradecemento profundo e sincero”.

Gómez salientou o compromiso demostrado polo Goberno autonómico nos últimos anos para mellorar as condicións do persoal do SPIF. En 2023, un terzo do persoal, fixo discontinuo, pasou a traballar seis meses, este ano xa o fixo oito e no 2026 e sucesivos farano durante nove meses. O resto do persoal xa traballa todo o ano. Tamén destacou as melloras salariais implementadas en 2024. O obxectivo do Goberno autonómico é que estas condicións “sigan mellorando”, destacou.

A conselleira lembrou que dende o 2009 o dispositivo de loita contra os incendios forestais foi fortalecéndose “ano tras ano”, creando máis de 1.000 postos novos en brigadas e coa mellora das condicións laborais. 

Tamén desde entón se incrementou de xeito progresivo o investimento para prevención, unha partida que xa supera neste ano 2025 os 50 millóns de euros, case o dobre que en 2018. 

Así mesmo, deuse un salto cualitativo en medios técnicos e materiais, como o aumento da rede de videovixilancia, con 181 cámaras en 90 puntos, cubrindo o 82% do territorio. Neste sentido, sinalou tamén que as motobombas dispoñen das últimas novidades tecnolóxicas neste eido, con tabletas e a aplicación XeoCode Lite para mellorar a operatividade e o posicionamento en tempo real. Seguindo esta liña, salientou a incorporación ao servizo de vehículos como as máquinas hidrostáticas polivalentes e os equipos batracio, ideados polo propio persoal do SPIF, unha innovación “eficaz e recoñecida”.

María José Gómez definiu os lumes vividos durante o mes de agosto como “unha situación excepcional” con “incendios convectivos”, alta simultaneidade e intencionalidade, especialmente na provincia de Ourense. Así, expuxo que durante o mes de agosto se atenderon 673 incendios forestais, apagando de media entre 30 e 35 lumes diarios.

Melloras no convenio para a xestión das faixas secundarias

A titular de Medio Rural fixo referencia ao traballo que se está a desenvolver dende a Consellería ao abeiro do convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado coa Fegamp e Seaga. Tal e como anunciou onte o Presidente da Xunta, lembrou que se reforzará este acordo e se ampliará a colaboración por parte do Goberno autonómico para, entre outras cuestións, ordenar a xestión da biomasa nas faixas secundarias das parroquias prioritarias nos concellos de menos de 10.000 habitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2025