A educación galega duplicou en 15 anos o número de especialistas en atención á diversidade
O conselleiro de Educación reafirma o compromiso coa inclusión educativa que se reflicte nun traballo constante nos últimos anos que se seguirá intensificando
Reivindica medidas pioneiras como a ponderación do alumnado con necesidades especiais e a baixada progresiva de alumnos por grupo
Galicia é líder estatal co 93,3% deste alumnado en centros ordinarios, en número de alumnos por aula en Educación Especial e en capacidade de detección
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025
A educación galega duplicou en 15 anos o número de especialistas en atención á diversidade, cuns 3.000 profesores de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL) hoxe nas aulas fronte aos arredor de 1.500 que había en 2009. Así o sinalou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, no Pleno do Parlamento, onde puxo en valor o liderado do ensino galego como o máis inclusivo do Estado, co 93,3% do alumnado con necesidades escolarizado en centros ordinarios, e tamén a mellor ratio de alumno por aula en Educación Especial, co 3,3 fronte ao 5,2 estatal.
O titular de Educación do Goberno galego ratificou o máximo compromiso da Xunta coa inclusión a través dun traballo continuo nos últimos anos que se intensificou especialmente desde o curso pasado coa posta en marcha de medidas pioneiras a través do Acordo de mellora educativa como a baixada progresiva da ratio nas aulas iniciada o curso pasado en 4º de Infantil e que este ano se estende a 5º e a diversos agrupamentos rurais.
Unha tarefa colectiva
Román Rodríguez defende a atención á diversidade como “un traballo de todos” e a responsabilidade de seguir avanzando nesta aposta de país coa implementación e o enriquecemento do traballo feito ata o de agora, cuxos resultados se reflicten nos principais indicadores.
Precisamente, ao abeiro do Acordo de melloras, Galicia converteuse o ano pasado na primeira comunidade autónoma en ponderar o alumnado con necesidades educativas especiais. En base a esta ponderación, os centros que o precisan reciben dotación de profesorado de apoio do Plan MEGA de mellora educativa que, dentro da súa autonomía, poden empregar para facer co-docencia na aula ou ben facer desdobres de grupos.
Ademais, a Consellería reforzou e axilizou este ano a dotación de profesorado coa resolución das oposicións e do concurso de adxudicación de destinos provisionais xa a finais de xullo. Igualmente, ao longo da pasada semana completáronse os cadros de persoal, tanto no que ten que ver con Plan MEGA de mellora educativa de Galicia (que o ano pasado non puido chegar ata outubro) como coa cobertura de baixas, entre outros aspectos.
Nova Estratexia inclusiva
Tamén acaba de entrar en vigor a Estratexia galega de inclusión, a través da cal se reforzan as medidas xa en marcha e se irán implementando progresivamente outras novas como a mellora da formación do profesorado en colaboración coas entidades especializadas na atención á diversidade, o impulso dos departamentos de orientación ou a mellora da práctica educativa na aula.
Este abano de accións teñen como finalidade seguir impulsando unha transformación cualitativa da educación en Galicia co obxectivo de reforzar aínda máis o labor que se ven desenvolvemento nos últimos anos. Todo isto nun contexto no que, malia a caída demográfica, mantense o mapa educativo, medra o número de profesores para atender a menos alumnos, refórzanse os recursos e, en definitiva, séguese avanzando en calidade, equidade e inclusión.