A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe co rexedor da localidade ourensá
A Xunta e o Concello de Esgos avanzan no proxecto para a construción dun novo depósito de auga potable
Analizaron tamén a mellora do abastecemento nos núcleos da Cernada e Quinta do Monte, que podería obter financiamento ao abeiro de algunha das liñas de axudas de Augas de Galicia
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe co alcalde de Esgos, José Antonio Blanco, para abordar proxectos de interese para o municipio en materia de augas.
Durante o encontro, a conselleira e o rexedor estudaron varios proxectos municipais para mellorar o servizo de abastecemento nesta localidade ourensá. En concreto, o alcalde informou a Ángeles Vázquez da necesidade de construír un depósito de auga potable de 360 m3 co obxectivo de garantir o abastecemento á poboación estival estimada, así como a reserva do 20% para incendios-tal e como establecen as Instrucións Técnicas de Obras Hidráulicas de Galicia-.
Nese senso, a conselleira explicou que o persoal técnico de Augas de Galicia analizará a memoria presentada polo Concello de cara a avaliar a súa viabilidade e a estudar posibles vías de colaboración para acometer o seu financiamento.
A maiores, tamén abordaron a proposta municipal para mellorar o abastecemento nos núcleos da Cernada e Quinta do Monte. O proxecto pretende instalar tubaxes para poder usar a auga excedente do depósito de Arcos para o abastecemento desas contornas na época estival. Neste asunto, a conselleira animou ao alcalde a optar ás axudas que Augas de Galicia convoca tanto para realizar auditorías das instalacións de abastecemento como para desenvolver, a continuación, as melloras que sexan necesarias para optimizar o servizo.
Nese senso, a conselleira subliñou que, aínda que a prestación dos servizos de saneamento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación, así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.