Medio Rural salienta os bos datos de matriculación nos centros de formación e experimentación agraria, cunha cobertura do 100 % en ata sete ciclos
A conselleira do Medio Rural visitou hoxe o CFEA de Sergude, un dos seis da comunidade que suman un total de 532, un dato lixeiramente superior ao do ano pasado
María José Gómez destacou que se cubriron o 75 % das prazas de novo ingreso, o que reflicte a demanda por este tipo de formación
A conselleira sinalou que estes CFEA ofertan tamén ata 241 prazas de residencia e pensión completa para o alumnado, 41 máis con respecto ao ano pasado
Boqueixón (A Coruña), 11 de setembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, onde salientou os bos datos de matriculación do curso 2025/26 dos CFEA adscritos á Consellería. Así, destacou os 532 alumnos e alumnas -dos cales 174 se formarán en Sergude- que este ano cursarán os seus estudos da rama agraria nalgún destes centros, un dato lixeiramente superior ao do ano pasado.
En total, cubríronse o 75 % das prazas de novo ingreso, ocupando a totalidade das ofertadas en ata sete ciclos dos 16 ofrecidos en primeira matrícula, tres deles no CFEA de Sergude. Son os de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal -na modalidade FP Dual Intensiva-; Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e o de Produción Agropecuaria, “unha boa mostra do atractivo e da demanda desta formación para a mocidade”, sinalou a conselleira. Así mesmo, celebrou que neste curso hai 255 mulleres matriculadas, unha cifra que se incrementou nun 33 % nos últimos catro anos.
Seguindo esta liña, puxo en valor que este curso se ofertaron 406 prazas de novo ingreso, un 11 % máis con respecto ao anterior. María José Gómez afondou na aposta do Goberno autonómico por unha formación vinculada ao agro e forestal “moi práctica e achegada ao territorio” e asegurou que este enfoque formativo favorece a rápida inserción laboral do alumnado. Para 2025/26 implementáronse unha serie de melloras co fin de fortalecer a calidade da formación que se imparte nos centros. De feito, no CFEA de Sergude duplicáronse as prazas na FP Dual Intensiva de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal para dar resposta ao “enorme interese” que suscita esta ensinanza.
Servizos complementarios
Ademais das prazas para cursar os ciclos formativos, ofértanse residencias para favorecer a conciliación do alumnado. No caso concreto de Sergude, ocupáronse a totalidade das prazas ofertadas en pensión completa, con 30 estudantes. Como novidade neste curso, o CFEA Pedro Murias de Ribadeo volve contar cunha residencia propia, na que se veñen de acometer melloras, e que permitiu incrementar a súa capacidade. Entre residencia e comedor a oferta de todos os centros chega a 241 prazas, 41 con respecto ao curso anterior.
Inserción laboral
A Consellería do Medio Rural conta con seis CFEA espallados polo territorio galego: o de Sergude, en Boqueixón; o de Guísamo; o Pedro Murias (Ribadeo); o de Monforte de Lemos e o de Becerreá, na provincia de Lugo e o de Lourizán en Pontevedra. María José Gómez afirmou que nestes CFEA se mestura “experiencia, tecnoloxía e natureza” o que os converte nun “bo reflexo do que é o noso rural”.
Puxo de relevo unha formación eminentemente práctica e participativa cun “contacto directo” co mundo laboral, debido á colaboración das empresas do sector, que favorecen que o alumnado poida realizar un período práctico en función dos diferentes ciclos. No curso pasado participaron nesta iniciativa preto de 70 empresas, e sen dúbida este contacto contribúe a que o alumnado que cursa os seus estudos nos CFEA teña un índice de inserción laboral próximo ao 100 %.
Xa para finalizar, a conselleira afirmou que o Goberno autonómico está a apostar “decididamente” pola remuda xeracional no agro e que, reforzar a formación, “é unha forma de logralo”. Neste sentido, lembrou as axudas para a incorporación de mozos á actividade agrogandeira e os plans de mellora, que este ano contan cun orzamento de 36 millóns de euros no marco do Plan Estratéxico da PAC.