María José Gómez destaca o papel das mulleres no sector primario e aposta por reforzar as oportunidades que favorezan a igualdade e a remuda xeracional

A conselleira do Medio Rural participou en Monforte de Lemos, na Granxa Puluán, no encontro Feitas en Galicia, organizado con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais

A iniciativa reuniu mulleres de distintos sectores para compartir experiencias e visibilizar as oportunidades profesionais que ofrece o rural galego.

A titular de Medio Rural destacou a importancia da formación, da remuda xeracional e da autonomía económica para favorecer a incorporación feminina á actividade agraria

Monforte de Lemos (Lugo), 15 de outubro de 2026

A Consellería do Medio Rural organizou este ano o encontro Feitas en Galicia, con motivo de celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais e co obxectivo de recoñecer o traballo, o talento e o liderado das mulleres que contribúen cada día ao desenvolvemento do rural galego. No acto, que tivo lugar na Granxa Puluán, en Monforte de Lemos, María José Gómez, puxo en valor o esforzo das agricultoras e gandeiras que abriron camiño cara a unha maior igualdade e salientou a responsabilidade compartida de seguir facilitando o labor das novas xeracións. Así mesmo, realizouse unha visita á granxa como exemplo de remuda xeracional feminina, transformación e innovación no rural.

A conselleira explicou que o encontro naceu coa vontade de celebrar esta data dun xeito máis próximo, no corazón do sector primario, nunha granxa que puxo como exemplo “de que hai remuda xeracional e de que o que se fai en Galicia ten calidade, ten innovación e tamén ten nome feminino”. Así, baixo o lema Feitas en Galicia, a iniciativa traslada ao feminino unha expresión vinculada á orixe e á calidade dos produtos galegos para “poñer o foco nas mulleres, nas súas raíces e no talento co que impulsan proxectos que crean emprego, oportunidades e vida nas vilas e aldeas”.

Deste xeito, María José Gómez incidiu en que moitas mulleres tiveron que “realizar un esforzo engadido para demostrar a súa capacidade profesional e gañar unha confianza que, en ocasións, se lles daba por suposta aos homes”. Neste sentido, lembrou que unha parte dos avances que hoxe se consideran normais son froito do traballo das agricultoras e gandeiras que as precederon, aínda que recoñeceu que “queda camiño por percorrer para garantir que as mulleres poidan desenvolver os seus proxectos, ocupar espazos e participar nas decisións en condicións de igualdade”.

Ademais, o acto incluíu unha conversa titulada Mulleres que deixan pegada, na que participaron a responsable da Granxa Puluán, Lucía López Sobrado, a fundadora de Xestanatur Xardinería, María Saco Sánchez, a cofundadora da Adega Cruceiro, Puri Pérez Piñeiro e unha das alumnas do ciclo superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal do CFEA Pedro Murias, Eva Pérez Mascaró. As catro compartiron as súas experiencias en ámbitos profesionais diversos, desde a gandaría e o sector forestal ata a vitivinicultura e a formación, e abordaron as oportunidades que ofrece o rural para emprender, traballar e construír un proxecto de futuro.

Máis autonomía económica, presenza nos espazos de decisión e formación

María José Gómez destacou a necesidade de seguir avanzando na autonomía económica das mulleres do rural, “con máis renda e mellor acceso á terra, á titularidade das explotación e ao financiamento para desenvolver proxectos rendibles”, e reivindicou que “a presenza das mulleres na toma de decisións sexa efectiva, nos órganos de dirección das explotacións, das empresas e das asociacións”.

Así mesmo, destacou o papel da formación e a remuda xeracional como base para favorecer que “máis mulleres vexan no rural unha oportunidade para desenvolver a súa carreira profesional e asumir novas responsabilidades, tamén en sectores nos que a presenza feminina segue sendo menor, como o forestal”.

Neste contexto, fixo fincapé no Estatuto da Muller Rural, aprobado o pasado martes polo Consello da Xunta e que encara xa a última fase de tramitación, co que se quere “reforzar esta presenza e seguir abrindo portas, ata que participar nas decisións sexa algo tan natural como necesario”.

A conselleira tamén puxo de relevo o papel das asociacións e federacións de mulleres rurais na creación de redes de apoio para “compartir experiencias, apoiarse e facer oír as voces das mulleres”. Xunto a isto, considerou fundamental o labor da Consellería para “propiciar as mellores condicións para que as mulleres aposten por vivir e traballar no rural, con verdadeira conciliación, con corresponsabilidade e con servizos axeitados para desenvolver o seu proxecto vital”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2026