Medio Rural impulsa a agricultura de precisión para anticipar a produción de uva e millo forraxeiro en Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou na presentación dos primeiros avances de dous proxectos piloto centrados no viñedo da DOP Ribeiro e no millo forraxeiro da Mariña Lucense

O obxectivo é deseñar e validar algoritmos de predición da produción e avaliar a súa posible aplicación a outras zonas e cultivos de Galicia

Boqueixón (A Coruña), 14 de outubro de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, participou hoxe na presentación dos primeiros avances de dous proxectos piloto de innovación impulsados pola Consellería do Medio Rural para deseñar e adaptar algoritmos capaces de predicir a produción agraria, tomando como referencia o cultivo da vide na Denominación de Orixe Protexida (DOP) Ribeiro e o millo forraxeiro na Mariña Lucense.

Estes proxectos teñen como finalidade identificar e analizar as variables que inflúen nos rendementos dos cultivos, como as condicións meteorolóxicas, as características dos solos, as prácticas agronómicas ou os datos históricos de produción. A partir desta información, trabállase no deseño de algoritmos que permitan realizar estimacións anticipadas das colleitas, contrastando posteriormente os resultados coas producións reais para comprobar a súa fiabilidade. O obxectivo é desenvolver ferramentas que permitan mellorar a planificación das campañas, optimizar recursos, reducir custos e facilitar a toma de decisións dos produtores, adegas, cooperativas e explotacións gandeiras.

Ambos os proxectos desenvólvense no marco do Plan estratéxico da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027, a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), respectivamente, coa colaboración da empresa galega FORTOP, especializada en xeomática e agricultura de precisión e con experiencia internacional no desenvolvemento de modelos preditivos.

Experiencias piloto con potencial para outras producións agrarias

A elección do Ribeiro e da Mariña Lucense responde á necesidade de desenvolver e comprobar estes modelos en condicións reais e sobre cultivos concretos, antes de avaliar a súa posible aplicación a outras zonas xeográficas e producións agrarias de Galicia.

Neste sentido, o director de AGACAL destacou que “non se trata só de predicir canto imos producir, senón de desenvolver ferramentas que nos permitan producir mellor, reducir custos, anticipar riscos e tomar decisións con maior información”.

Deste xeito, a Xunta busca sentar as bases para avanzar progresivamente cara a sistemas de predición das producións agrarias de Galicia, reforzando o papel da investigación e da innovación como ferramentas para mellorar a competitividade e a sustentabilidade do sector.

Data de actualización: 14/10/2026