Maria José Gómez destaca a tradición vitivinícola da provincia de Ourense e a súa capacidade de xerar emprego e comunidade no rural

A conselleira do Medio Rural participou no acto de presentación da iniciativa “Vida con Moderación”, da Organización Interprofesional do Viño de España (OIVE)

Ourense, 14 de outubro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou hoxe a tradición vitivinícola da provincia de Ourense e a súa capacidade de xerar emprego e comunidade no rural. “Hai lugares de Galicia nos que a viña é unha forma de manter vivo o territorio”, destacou, asegurando que “apoiar o viño é apoiar a capacidade do rural para seguir tendo futuro”.  

A todo isto referiuse hoxe ao acto da Organización Interprofesional do Viño de España (OIVE) para a sensibilización cidadá en Ourense, no marco da iniciativa Vida con Moderación, co obxectivo de fomentar a reflexión sobre a importancia da moderación como valor presente nos distintos ámbitos da vida. A proposta consiste na instalación temporal, durante tres xornadas, dun banco de grandes dimensións na Praza Maior da cidade, que pretende captar a atención da veciñanza, das persoas visitantes e dos medios de comunicación para convidalos a reflexionar sobre a mensaxe da campaña.

A conselleira destacou a elección de Ourense como lugar de celebración do acto, que responde a unha combinación de factores culturais, sociais e territoriais, “directamente relacionadas coa maneira de vivir na provincia”, que a converten nun contexto especialmente axeitado para transmitir a mensaxe.

Por unha banda, Ourense conta con unha forte tradición vitivinícola, “con catro das cinco denominacións de orixe que hai en Galicia”, como subliñou María José Gómez. Por outra banda, a provincia destaca pola lonxevidade dunha parte da súa poboación e pola presenza de comunidades cunha importante proporción de persoas maiores, “proxectando a imaxe de Ourense como un territorio asociado á calidade de vida, aos vínculos comunitarios e ao envellecemento saudable”. A isto súmanse outros trazos característicos da provincia: unha rica cultura gastronómica, unha estreita relación coa natureza, unha vida social activa e unha forte identidade local.

Deste xeito, a titular de Medio Rural reafirmou o compromiso da Xunta co sector vitivinícola galego, destacando as diferentes liñas de apoio impulsadas este ano polo Goberno Galego para reestruturar e reconverter viñedos, para mellorar a elaboración e comercialización, para promocionar os viños galegos fóra e tamén para conservar paisaxes vitivinícolas tan singulares como as da Ribeira Sacra.

Ademais, gabou os resultados da vendima deste 2026, máis abondosa que a do pasado ano e cun produto de excelente calidade, así como o traballo da consellería para “conseguir que no rural haxa actividade, que haxa oportunidades e que a xente poida seguir facendo a súa vida nas vilas e aldeas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026