A Xunta licita por máis de 90.000 € o contrato para a realización dos censos de aves acuáticas invernantes en Galicia para o período 2026-2028

A información obtida contribuirá á conservación de especies e poboacións destes animais e ao seguimento ambiental dos seus hábitats

Os traballos de recompilación de datos desenvolveranse a partir dun mínimo de 75 localidades galegas, tanto de zonas costeiras como de interior

As empresas interesadas neste contrato, que conta con financiamento dos fondos Feder 2021-2027, poden presentar as súas ofertas ata o 19 de setembro

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2025

A Xunta licitou por máis de 90.000 euros o contrato para o servizo para a realización dos censos de aves acuáticas invernantes en Galicia no período 2026-2028. Os traballos de inventariado, que coincidirán coa época de invernada en zonas húmidas protexidas, servirán para a priorización de conservación das especies e para valorar os cambios no tamaño das súas poboacións; así como para facer seguimento ambiental dos seus hábitats.

A través do portal de Contratos Públicos de Galicia e mediante procedemento aberto simplificado, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático impulsa a recompilación de información e seguimento sobre as aves acuáticas que se concentran durante a época de invernada en Galicia con traballos a realizar nun mínimo de 75 localidades, tanto costeiras como de interior.

As empresas interesadas neste contrato -cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2021-2027- poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de setembro e o prazo de execución dos traballos será de 28 meses contados a partir do día seguinte á súa formalización.

En Galicia, as aves acuáticas concéntranse durante a época de invernada en zonas húmidas mariñas e costeiras, continentais e artificiais. A maioría destas contornas inclúense en espazos da Rede Natura 2000, formando parte de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), lugares que os Estados membros da Unión Europea deben clasificar para incluír os territorios máis axeitados, en número e en superficie, para a conservación das especies de aves. Ademais, gran parte das especies acuáticas invernantes en Galicia atópanse incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial.

Neste contexto, e para dar cumprimento ao compromiso vinculado co Convenio de Ramsar, a realización dos censos de aves acuáticas facilitará contar con información actualizada do estado de conservación das especies e dos seus hábitats no período 2026-2028. En concreto, permitirá a estimación da abundancia das poboacións invernantes e coñecer a distribución de exemplares nas principais zonas húmidas galegas, aproveitando que o inverno é o momento no que as poboacións de aves se atopan máis concentradas e os movementos migratorios entre zonas son menores.

A realización deste traballo nos meses de xaneiro do período 2026-2028 é necesaria para o cumprimento e desenvolvemento de medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade.  Neste senso, a información obtida axudará nas prioridades de conservación de especies e poboacións destes animais e no seguimento ambiental dos seus hábitats.

Unha vez resolto o procedemento, está previsto que o adxudicatario realice nos dous últimos meses de 2025 os traballos preparatorios para acometer en xaneiro de 2026 a realización do censo de aves acuáticas invernantes.  Este será o modus operandi que se repetirá nos seguintes anos 2027 e 2028.

Data de actualización: 14/09/2025