Fabiola García avanza que a Xunta abrirá en Monforte de Lemos o primeiro centro específico para a acollida de menores migrantes con 80 prazas

A conselleira lamenta que a imposición do Goberno central no traslado de 317 menores migrantes “obrigue a romper co sistema de protección no que Galicia leva anos traballando”

Destaca que o Goberno galego continúa buscando localizacións para a dotación de novos recursos, unha vez que esta mesma semana chegaron os seis primeiros expedientes 

Denuncia que os traslados non van acompañados de fondos para afrontar a acollida, que se calcula que suporá un desembolso de ata 30M€ ao ano

Monforte de Lemos (Lugo), 13 de setembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou esta mañá que Monforte de Lemos acollerá o primeiro centro específico para menores estranxeiros que se abrirá en Galicia para afrontar o traslado impulsado polo Goberno central. Este recurso estará situado no edificio residencial Francisco Suárez que Prodeme ten neste municipio e disporá de 80 prazas.

Na visita ao centro, na que estivo acompañada polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e do xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, a conselleira agradeceu a colaboración da entidade social e lamentou que a imposición do Executivo central “obriga á Xunta a facer o que non quería, crear centros específicos para menores estranxeiros”, modificando o seu sistema de protección da infancia e adolescencia. Fabiola García denunciou, ademais, que o traslado destes menores non vai acompañado de financiamento pese a que, segundo os cálculos realizados polo Goberno galego, atender a todos os adolescentes terá un custo aproximado de ata 30M€ ao ano.

A conselleira de Política Social e Igualdade fixo fincapé en que “estas son as primeiras 80 prazas específicas que a Xunta se ve obrigada a crear” e destacou que a Xunta continúa buscando posibles localizacións, un procedemento para o que solicitou a colaboración doutras administracións.

Fabiola García lembrou que esta mesma semana se recibiron os primeiros seis expedientes de adolescentes que forman parte do grupo de 317 que o Goberno central quere trasladar á comunidade galega. A esta cifra súmanse os 15 menores estranxeiros solicitantes de asilo que o Goberno central debe acoller por orde do Tribunal Supremo e que, segundo puido saber a Xunta, tamén vai trasladar a Galicia.

Na súa intervención, a conselleira reiterou que a Xunta seguirá recorrendo este reparto ante a Xustiza, como xa fixo ante o Tribunal Constitucional, xunto a outras 10 comunidades de diferente signo político. Ademais, engadiu que con esta imposición o Executivo central “rompe definitivamente o sistema de protección integrador de Galicia”, obrigando á Xunta a saírse do modelo que leva anos impulsando.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2025