Román Rodríguez presenta as novas obras no Colexio Gregorio Sanz de Ribadeo, coas que a Xunta completará a rehabilitación do centro

Invístense 410.000€ na substitución do peche perimetral e na rehabilitación da zona de xogos e áreas exteriores do centro

Desde 2021 a Xunta investiu case 1,6M€ en obras neste concello ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Ribadeo (Lugo), 12 de setembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe os novos proxectos de obra para o Colexio Gregorio Sanz de Ribadeo. Tal e como destacou o conselleiro, “con estas novas intervencións a Xunta completa a rehabilitación integral do centro xa rematada hai uns anos e mellora as zonas exteriores, que teñen unha antigüidade considerable, dotándoas de maior seguridade e máis espazo de lecer para o alumnado”.

As novas intervencións suman un orzamento de 410.000€, está previsto comezalas a finais deste mes e rematalas a finais de ano. A primeira delas consiste na substitución do peche perimetral do centro, suporá a demolición dos muros existentes, actuando en dous tramos diferenciados. Por unha banda, nas tres zonas que dan ás vías públicas, de 339 metros lineais e altura variable en función da orografía, construirase un muro de formigón sobre o se que encaixará o novo valado con pezas cilíndricas de plástico reciclado de distintas alturas. Na cuarta fronte do peche, que non dá a rúa senón a unha propiedade lindeira, colocarase un muro de bloque de formigón prefabricado liso cor gris que ira recebado e pintado. Este tramo terá unha lonxitude de 190 metros lineais e unha altura de dous metros.

A segunda actuación ten como obxectivo a rehabilitación da zona de xogos e áreas exteriores do centro. En concreto, recolocarase o parque infantil noutro espazo do recinto escolar para garantir unha maior seguridade e optimizar o espazo dispoñible para o número crecente de usuarios. Para iso prepararase o terreo, que terá unha soleira de formigón como soporte para o pavimento de seguridade de caucho continuo e instalaranse novos xogos.

A zona ocupada na actualidade polo parque infantil será convertida nunha nova área axardinada, acondicionando o terreo plantando arbustos de pequeno porte: carpaza, brezo, loureiro, acebo e hedra. Tamén se creará un horto escolar.

Mellora no CIFP Porta da Auga

Román Rodríguez destacou que estas novas actuacións elevan a case 1,6M€ o investimento da Xunta nos centros educativos de Ribadeo ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, coa rehabilitación integral do Gregorio Sanz (955.000€) como obra principal.

Neste sentido, lembrou que está rematándose tamén a mellora da cuberta e da antiga vivenda do conserxe do Centro Integrado de FP Porta da Auga. Cun investimento de máis de 120.000€, múdase a cuberta do taller de automoción, de 206 m², colocando unha nova de panel sándwich de aceiro galvanizado con recheo intermedio de escuma de poliuretano, e substitúese o canlón pechado existente por un de similares características e instalaranse lucernarios na zona de taller.

A maiores refórmase a vivenda do conserxe para crear novas dependencias dedicadas a despacho, departamentos ou seminarios. En concreto, créanse cinco novos locais na planta baixa do edificio principal, aos que se accede mediante un corredor central que dá continuidade ao corredor existente, un cuarto de instalacións e unha zona de almacén conectada co exterior e coa cafetería. Así mesmo, adecúase a carpintería metálica exterior da vivenda á estética do resto do edificio. Neste centro tamén se acometeu a mellora da accesibilidade a través da instalación do ascensor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2025