O conselleiro de Sanidade interveu no acto de inauguración das XVII Xornadas galegas de Fisioterapia-Investiga que organiza o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia
Gómez Caamaño subliña que a Estratexia galega de enfermidades raras potenciará o papel da fisioterapia no Sergas, que en 2024 atendeu máis de 800.000 consultas nas unidades de atención primaria
Destaca iniciativas como o programa pioneiro de abordaxe á disfunción do solo pelviano, no que se atenderon xa máis de 20.000 mulleres, ou a integración activa da fisioterapia no proceso asistencial da enfermidade pulmonar obstrutiva crónica
Pon en valor o labor das unidades de prevención e rehabilitación cardíaca, que ofrecen atención especializada aos pacientes con necesidades cardiovasculares
Avanza que a nova Unidade de Rehabilitación do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo comezará a funcionar a finais de ano para fortalecer a capacidade asistencial
Incide en que a fisioterapia comunitaria está a gañar un peso decisivo na prevención da enfermidade e na promoción da saúde
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou que a Estratexia galega de enfermidades raras potenciará o papel da fisioterapia no Servizo Galego de Saúde, que no pasado ano atendeu máis de 800.000 consultas nas 79 unidades de atención primaria nas que traballan preto de 200 profesionais.
O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu esta mañá no acto de inauguración das XVII Xornadas galegas de Fisioterapia-Investiga que organiza o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.
As máis de 800.000 consultas evidencian, segundo o conselleiro, o compromiso diario de todo o colectivo que traballa sen descanso para achegar os recursos sanitarios á cidadanía, evitando derivacións hospitalarias innecesarias e mellorando a súa calidade de vida.
Cada consulta, cada intervención e cada programa destes profesionais repercute directamente na saúde e na autonomía das persoas ao tempo que, tal e como manifestou o máximo responsable do Sergas, sitúa a Galicia na vangarda dos coidados.
Gómez Caamaño puxo como exemplo deste traballo o programa pioneiro de abordaxe á disfunción do solo pelviano, no que se atenderon xa máis de 20.000 mulleres, ou a integración activa da fisioterapia no proceso asistencial da enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, iniciativas que amosan o potencial transformador desta profesión.
Tamén puxo en valor o labor das unidades de prevención e rehabilitación cardíaca, que ofrecen atención especializada aos pacientes con necesidades cardiovasculares. Ao respecto, destacou que a nova Unidade de Rehabilitación do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo comezará a funcionar a finais de ano para fortalecer a capacidade asistencial.
Novo modelo de rehabilitación
No acto de inauguración destas xornadas, Gómez Caamaño detallou que na nova Estratexia da Xunta fronte ás enfermidades raras búscase integrar a rehabilitación funcional como parte normalizada da atención, potenciando así a fisioterapia no Servizo Galego de Saúde.
O conselleiro explicou que se trata dun traballo complexo que require dunha gran coordinación entre os distintos colectivos, pero que é posible grazas ao esforzo, a dedicación e o compromiso do colectivo de fisioterapeutas.
Gómez Caamaño incidiu en que a fisioterapia comunitaria está a gañar un peso decisivo na prevención da enfermidade e na promoción da saúde, avanzando cara a un novo modelo de rehabilitación funcional centrado na atención domiciliaria e dirixido a pacientes con necesidades clínicas e sociais específicas.
O departamento sanitario galego está a recorrer este camiño apostando pola tecnoloxía máis innovadora para acadar os mellores resultados e no menor tempo posible, o que sitúa Galicia á vangarda polo seu enfoque máis próximo e adaptado ás persoas.
Gómez Caamaño rematou a súa intervención agradecendo ao Colexio Oficial de Fisioterapeutas, organizador destas xornadas, o seu labor e amosouse confiado en que a xornada sirva para fortalecer a investigación, a formación e a unidade da profesión.