Román Rodríguez recoñece o labor do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais pola posta en valor da cultura, do patrimonio e dos valores cidadáns
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na entrega do XXIX Premio Internacional Grupo Compostela de Universidades a esta prestixiosa entidade
Vila Real (Portugal), 15 de setembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na cerimonia de entrega do XXIX Premio Internacional Grupo Compostela de Universidades ao Instituto Europeo de Itinerarios Culturais que se celebrou na cidade portuguesa de Vila Real. A distinción recoñece o traballo desenvolvido pola institución durante case tres décadas, consolidándose como un referente na posta en valor da cultura, na conservación do patrimonio e na protección dos principios europeos de unidade e solidariedade.
O titular de Educación destacou o papel desta institución como organismo responsable de impulsar e coordinar os itinerarios culturais no Consello de Europa nos 50 países asinantes da Convención Cultural. Román Rodríguez salientou tamén a súa capacidade para xestionar recursos documentais, liderar proxectos internacionais e sensibilizar sobre a conexión entre patrimonio, turismo, desenvolvemento rexional e sostibilidade ambiental, sempre coa mirada posta nas novas xeracións. Así mesmo, puxo en valor que coordine a Rede Universitaria de Estudos sobre os Itinerarios Culturais, contribuíndo á visibilidade e difusión destes programas xa certificados polo Consello de Europa.
O Premio Grupo Compostela de Universidades reforza, deste xeito, o papel transformador das universidades como axentes de cambio social e cooperación internacional, ao tempo que consolida a rede como un espazo de referencia no diálogo global e no intercambio de coñecemento.