O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recolleu o galardón na X Gala dos Premios ConSalud que se celebrou esta tarde en Madrid
A estratexia de descarbonización do Servizo Galego de Saúde é recoñecida a nivel nacional co Premio á sostibilidade 2025
A Sanidade pública galega foi premiada polo seu compromiso co medio ambiente e a redución da pegada carbono
Gómez Caamaño salienta que o obxectivo da Xunta é acadar a neutralidade climática no ano 2040
O Servizo Galego de Saúde participa en diferentes proxectos europeos que apostan pola sustentabilidade e a economía circular
Madrid, 16 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recolleu esta tarde o Premio á sostibilidade/ESG 2025, co que a publicación especializada Consalud, recoñece o Programa de Descarbonización do Servizo Galego de Saúde.
Acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, o responsable da carteira sanitaria da Xunta recibiu un dos 15 galardóns cos que o Grupo Mediforum e o portal sanitario ConSalud, poñen en valor o traballo dos profesionais, institucións e asociacións de pacientes por mellorar a sanidade e o benestar social.
Durante o acto, Gómez Caamaño puxo en valor algunhas das iniciativas postas en marcha polo Executivo galego no seu compromiso polo coidado do medio ambiente. Así, destacou a instalación de fontes de enerxías renovables nos centros sanitarios galegos, a redución do uso de plásticos nos centros hospitalarios ou a instalación de puntos de recarga sostibles.
A Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde ten por obxectivo reducir as emisións de CO2 nun 60 % de cara ao 2030 e acadar o nivel de cero emisións en 2040. Para iso, a estratexia recolle cinco puntos clave: reducir residuos e combustibles fósiles, construír con materiais sostibles como a madeira, ecodeseño para os procesos asistenciais, o fomento da I+D en sostibilidade e a promoción do consumo responsable entre pacientes, profesionais e provedores.
A Sanidade pública galega segue a impulsar a sustentabilidade e o coidado do planeta participando en proxectos europeos como o Life Resystal, Interreg de Eficiencia energética, Coolfood Pledge, Race to Zero e a New European Bauhaus.