O conselleiro de Sanidade, coa directora xeral de Saúde Pública e o xerente da área sanitaria, visitou o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, IDIS
Gómez Caamaño avanza que Galicia aspira a impulsar un novo ensaio clínico sobre a eficacia da vacina do virus respiratorio sincitial en persoas maiores
A Xunta está á espera de presentar o proxecto ante as axencias reguladoras e o comité ético para a súa aprobación
A Consellería de Sanidade levará a cabo o ensaio clínico en colaboración co grupo investigador do IDIS que lidera Federico Martinón
O conselleiro pon en valor a actividade do IDIS, que o ano pasado captou case 50 millóns de financiamento para proxectos e publicou máis de 1.000 artigos científicos
Incide na aposta da Xunta pola investigación sanitaria, que xa se veu plasmada coa integración dos tres institutos no sector público e coa consolidación das primeiras prazas de investigadores como persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde
Subliña proxectos que sitúan Galicia á vangarda como o Cringenes, o ensaio clínico Galflu ou a vacinación dos bebés fronte ao virus respiratorio sincitial
Refire que fomentar a investigación sanitaria é un compromiso irrevogable da Xunta
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que Galicia aspira a impulsar, en colaboración co grupo investigador do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) que lidera Federico Martinón, un novo ensaio clínico que aborde a efectividade de vacinar fronte ao virus respiratorio sincitial ás persoas maiores.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e do xerente da área sanitaria, Ángel Facio, visitou o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), xunto con Luz Couce, a directora científica do IDIS, e Isabel Lista, directora da Fundación.
Tal e como detallou o conselleiro, a Xunta está á espera de presentar o proxecto ante as axencias reguladoras e o comité ético, que deben autorizalo. Gómez Caamaño agarda conseguir a aprobación para, deste xeito, poder impulsar un ensaio destinado a reforzar a protección da saúde da cidadanía galega.
O conselleiro explicou que a súa visita de hoxe ao IDIS se enmarca no compromiso adquirido de achegarse aos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia.
Neste sentido, lembrou a súa condición de investigador no IDIS e remarcou a calidade do labor científico que realiza, a través dos seus máis de 1.400 investigadores e técnicos. Tamén se referiu aos case 50 millóns de euros de financiamento captados no pasado ano para proxectos e aos máis de 1.000 artigos científicos publicados.
Aposta da Xunta pola investigación sanitaria
Na súa intervención, o conselleiro sinalou que a Xunta quere reforzar a aposta pola investigación sanitaria, que xa se veu plasmada coa integración dos tres institutos no sector público e coa consolidación das primeiras prazas de persoal de investigación como estatutario coa recente incorporación de 33 investigadores.
Gómez Caamaño puxo en valor que os profesionais e usuarios da sanidade pública son beneficiarios da investigación sanitaria en Galicia. Ao respecto destacou proxectos que sitúan Galicia á vangarda como o Cringenes, destinado a detectar máis de 300 enfermidades raras en neonatos a través dun cribado xenético.
Tamén referiu a colaboración entre o seu departamento e o grupo de infectoloxía, inflamación e vacinas do IDIS que levou a Galicia a ser referente a nivel mundial en inmunización. Así, a principios deste mes presentáronse os resultados do ensaio Galflu, que acreditou a efectividade da vacina antigripal de alta carga fronte á vacina estándar en persoas de 65 a 79 anos, reducindo a hospitalización por gripe en case un 32 %.
Xunto ao anterior, Galicia foi pioneira no ano 2023 na vacinación dos bebés fronte ao virus respiratorio sincitial, que causaba a inmensa maioría dos ingresos hospitalarios nos primeiros meses de vida dos bebés.
O conselleiro dixo que hai moitos exemplos que falan a favor da alianza entre a investigación de calidade e a sanidade pública galega, por iso, defender a investigación e fomentala é un compromiso irrevogable da Xunta.