A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto do acondicionamento da AC-406 nos concellos de Val do Dubra e da Baña, cun investimento de máis de 4,3 M€
O obxectivo é mellorar o trazado do tramo de case 3,5 quilómetros, entre os puntos 18+477 e 21+925 desta vía, co fin de reforzar a seguridade viaria
O proxecto contempla a habilitación dun carril de adiantamento, a rehabilitación do firme e a renovación de sinalización
Esta actuación súmase ás executadas na 1ª fase de acondicionamento desta vía entre o parque empresarial de Santa Comba e Abuín, cun investimento da Xunta de 3,2M€
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de acondicionamento da estrada AC-406, ao paso polos concellos de Val do Dubra e da Baña, que suporá un investimento de máis de 4,3M€.
A aprobación deste proxecto leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos predios necesarios para executar a intervención. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta Resolución: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250917/AnuncioG0181-120925-0001_gl.html
O obxectivo é mellorar o trazado do tramo de case 3,5 quilómetros de lonxitude, comprendido entre os puntos quilométricos 18+477 e 21+925 desta estrada autonómica, co fin de reforzar a seguridade viaria; e tamén de habilitar un carril adicional de máis de 1 quilómetro de lonxitude de adiantamento.
O proxecto contempla ademais a rehabilitación do firme, así como a realización de actuacións de adecuación do sistema de drenaxe existente ao novo trazado deseñado.
Tamén se renovarán a sinalización o balizamento e as defensas e se acometerán as obras complementarias precisas.
Estas actuación súmase á 1ª fase de acondicionamento desta vía, xa executada entre Portomouro a Santa Comba, entre o parque empresarial de Santa Comba e Abuín. As actuacións, cun investimento autonómico de máis de 3,2M€, centráronse na execución dun novo trazado alternativo para evitar o paso polo núcleo de Salgueiroas.