Belén do Campo supervisa o avance das obras dunha senda para a mellora da mobilidade e a seguridade viaria na AC-418 no lugar de Seixas
A actuación permitirá crear unha nova senda peonil de máis de 320 metros para facilitar os desprazamentos a pé e reforzar a seguridade das persoas usuarias
Malpica (A Coruña), 7 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitou hoxe o lugar de Seixas, no concello de Malpica, para supervisar o avance das obras de mellora da mobilidade na estrada AC-418, unha actuación que permitirá dotar este tramo dunha nova senda peonil e mellorar as condicións de seguridade para as persoas que se desprazan a pé.
Os traballos, que comezaron o pasado 31 de agosto, contan cun investimento de aproximadamente 85.000 euros, rematarán este mes de setembro e permitirán unir o centro de Malpica cos núcleos de Piñeiros e Seixas.
Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou que esta actuación responde ao compromiso da Xunta de seguir mellorando as estradas autonómicas e, especialmente, aqueles puntos nos que é necesario favorecer unha convivencia máis segura entre o tráfico rodado e os peóns. “Esta actuación é un bo exemplo de como pequenas intervencións poden ter un impacto moi importante na vida cotiá da veciñanza” sinalou a delegada territorial.
A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 14+310 e 14+630 da AC-418, nun tramo que se inicia na intersección desta estrada coa AC-414 e remata nun cruzamento cun camiño local, a partir do cal xa existe actualmente unha senda peonil.
Unha senda de máis de 320 metros
As obras consisten na implantación dunha senda peonil de 2,02 metros de ancho, adxacente ao actual arcén da estrada, que permitirá dar continuidade aos itinerarios peonís existentes na zona.
A senda contará ademais cunha cuneta de seguridade de 60 centímetros e será pavimentada en formigón. O firme executarase mediante unha capa de 14 centímetros coloreado en ton terrizo, integrado paisaxisticamente na contorna e unha extensión de 320 metros.
Os traballos completaranse co reposicionamento da sinalización vertical, así como coa execución de arquetas e sumidoiros necesarios para garantir a continuidade da rede de drenaxe de augas pluviais.
Tamén está previsto o desprazamento dunha caseta vinculada á rede de abastecemento existente, co obxectivo de adaptar os servizos á nova configuración do espazo.
A intervención executarase integramente en terreos de dominio público da AC-418, polo que non é necesario realizar expropiacións.
Belén do Campo incidiu en que a Xunta segue avanzando en actuacións pensadas para as persoas, favorecendo a súa mobilidade do día día en condicións máis seguras, cómodas e saudables en consonancia co “selo Galicia Calidade”. Neste contexto, lembrou que o Plan de Sendas de Galicia está actualmente na súa segunda fase, coa previsión de executar 120 quilómetros adicionais que se sumarán aos máis de 300 xa construídos en toda a comunidade, unha iniciativa que, segundo destacou Belén do Campo, foi recoñecida a nivel europeo pola súa excelencia en materia de seguridade viaria.