A conselleira de Política Social e Igualdade acompaña a un grupo de usuarios da entidade Íntegro que participan na actividade de vela adaptada Gavea
Fabiola García felicita a Cogami por levar dúas décadas achegando a experiencia da navegación a persoas con discapacidade
Destaca que máis de 5.300 persoas de entidades e centros de Cogami de toda Galicia participaron neste proxecto desde a súa posta en marcha en 2002
Neste ano 2025, preto de 100 usuarios reciben o seu bautismo de mar no veleiro Laion, que percorre a ría de Camariñas
A conselleira enxalza a importancia destas actividades, que melloran a calidade de vida das persoas con discapacidade, tanto a nivel emocional como físico
Muxía (A Coruña), 17 de setembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañou esta mañá a un grupo de usuarios da asociación Íntegro nun paseo en barco veleiro no marco do proxecto Gavea de Cogami, financiado pola Xunta de Galicia. Esta iniciativa de vela adaptada, que consiste en bautismos de mar no veleiro Laion, de 13 metros de eslora, busca promover o acceso ao deporte adaptado e á cultura marítima entre as persoas con discapacidade.
A conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e do vicepresidente de Cogami e presidente do CERMI, Ramón Sestayo, felicitou a Cogami por levar dúas décadas achegando a experiencia da navegación a persoas con discapacidade. Desde o ano 2002, no que se puxo en marcha este proxecto, participaron nel máis de 5.300 persoas.
Nesta tempada, serán preto de 100 as persoas con discapacidade que poderán gozar das viaxes que realizará o veleiro ata este venres 19 de setembro. Con base no porto de Muxía, as travesías pola ría de Camariñas desenvólvense en quendas de mañá (11:00-14:00 horas) e de tarde (16:00-19:00 horas). Cada saída conta con cinco persoas participantes acompañadas por monitorado, procedentes de diferentes entidades e centros de Cogami de toda Galicia: Lugo, Santiago, Val do Dubra, Muros, Ourense, Ribeira, Cabana de Bergantiños, Arzúa, Silleda e A Coruña.
Na súa intervención, a conselleira de Política Social e Igualdade puxo en valor a importancia deste tipo de actividades, que combinan deporte e lecer en contacto coa natureza e que, segundo destacou, buscan mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, tanto a nivel emocional como físico.