A Xunta apoia a 57 edición do Concurso de Gaitas de Ponteareas

A Fundación Artesanía de Galicia colabora como cada ano no Concurso Rexional de Gaitas do País a través dos instrumentos que se lle entregarán aos gañadores do certame e que están elaborados polos obradoiros artesanais Gaitas Gil e Sanín Percusión Tradicional 

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025

A Fundación Artesanía de Galicia colabora coa LVII edición do Concurso Rexional de Gaitas do País, o certame máis antigo de Galicia destas características que se celebrará mañá na localidade pontevedresa de Ponteareas.

Trátase dun evento de calidade que contribúe á dinamización socioeconómica e unha aposta pola difusión da cultura e da tradición galegas, que está consolidado coma un referente no panorama da música tradicional galega.  

Como é habitual, desde o ano 2017, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Ponteareas neste certame, a través duns premios Artesanía de Galicia para as agrupacións que resulten gañadoras. Os galardóns consisten nunha gaita elaborada polo obradoiro Gaitas Gil (Ponteareas), así coma un tamboril elaborado por Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela). 

Con estes premios, o Goberno galego quere apoiar aos construtores artesanais de instrumentos musicais tradicionais galegos e facer promoción do labor e da calidade dos nosos obradoiros artesáns. De feito, a calidade e o prestixio deste concurso é un grande escaparate para estes obxectivos.

Data de actualización: 19/09/2025