O director de Augas de Galicia inaugura a exposición Amiríos e participa nunha xornada de sensibilización ambiental

A Xunta e Amicos implican a escolares de Ribeira na concienciación sobre a protección dos ríos e o uso responsable da auga

Roi Fernández destaca que este proxecto combina a divulgación sobre o coidado do medio ambiente e a inclusión social dos seus participantes

Ribeira (A Coruña), 19 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia e a Asociación Amicos mobilizaron a un cento de escolares de centros educativos do municipio coruñés de Ribeira para que tomen conciencia social sobre a protección dos ríos e o uso responsable da auga, a través das actividades dunha nova edición do proxecto Amiríos.

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, acompañou hoxe aos membros de Amicos e os estudantes de centros CEIP Plurilingüe de Frións e CEIP O Grupo, que participaron na inauguración da exposición de Amiríos en Ribeira e nas actividades lúdicas e prácticas vencelladas á xornada de sensibilización ambiental que promove este proxecto ecosocial.

O representante da Xunta salientou que este proxecto contribúe a sensibilizar tanto aos máis novos como á sociedade en xeral sobre a importancia de coidar e protexer os ríos e a súa contorna e de facer un uso responsable da auga, ao tempo que favorece a inclusión social dos seus participantes, que se converten en verdadeiros exemplos e referentes para o conxunto da sociedade.

Mediante xogos e dinámicas participativas guiadas polos activistas medioambientais de Amicos, os estudantes coñeceron os beneficios para o medio ambiente de ter comportamentos responsables no coidado e preservación dos ríos, así como dos ecosistemas existentes na súa contorna.

Roi Fernández destacou a implicación dos activistas de Amicos, persoas con discapacidade que lideran con entusiasmo accións de educación ambiental. Asemade, considerou vital implicar e mobilizar aos máis novos na defensa e protección dos ríos, ao tempo que coñecen o funcionamento de determinados servizos esenciais para a cidadanía como son o abastecemento e o saneamento.

O proxecto

Amiríos é unha iniciativa promovida pola asociación Amicos e financiada por Augas de Galicia co fin de promover a participación activa da sociedade na conservación e mellora do estado dos ríos partindo da situación das canles fluviais da demarcación Galicia-Costa. As accións incluídas no proxecto apóianse na educación e o voluntariado ambiental, a participación cidadá e a inclusión social. De feito, todas as actividades están conducidas por persoas con discapacidade intelectual que contan con formación e experiencia como axentes medioambientais.

Tralo paso por Ribeira neste mes de setembro, as actividades divulgativas de Amiríos dirixidas a escolares terán continuidade nas localidades de Boiro, Lousame, Pobra do Caramiñal, Caldas de Reis, Pontevedra, Pontecaldelas e Meis.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2025