A Xunta avanza no reparto de palla e cereais para alimentar a fauna silvestre afectada polos incendios
Xa se fixo esta distribución en puntos dos concellos de Maceda, Oímbra, Monterrei, Cualedro e Laza
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025
A Xunta continúa co reparto de palla e cereais para alimentar a fauna silvestre que se viu afectada polos incendios forestais do verán. O obxectivo é garantir unha fonte alimenticia de cara ao outono para as poboacións de herbívoros (principalmente grandes ungulados) e aves, aínda que está demostrado que outras especies, como as lebres, tamén as aproveitan.
De feito, xa se procedeu a realizar esta distribución de alimento naquelas áreas nas que os animais puidesen resgardarse ao conservar vexetación nos concellos de Maceda, Oímbra, Monterrei, Cualedro e Laza. Polo de agora, lévanse repartido preto de 5.000 quilos de palla e máis de 300 quilos de cereais nestes municipios.
Dado que moitas destas illas de vexetación son de difícil acceso por terra, parte do reparto de alimento se fará con medios aéreos. Neste caso, está previsto que a vindeira semana comece o transporte en helicóptero e a súa distribución dende o aire (de xeito similar ás operacións de helimulching dirixidas á consolidación de solos).
Nese senso, cómpre lembrar que a previsión inicial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático é distribuír un total de 31.000 quilogramos de palla e 3.000 quilogramos de cereais, pero a intención é ampliar esas cantidades naqueles puntos onde sexa necesario reforzar os aportes alimentarios.