A Xunta condena os ataques sufridos no futuro centro para menores en Monforte
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, trasladou o total rexeitamento da Xunta de Galicia a calquera acto violento, en alusión ao acontecido nas instalacións de Prodeme.
Lamenta que a imposición do Goberno central no traslado de 317 menores migrantes obrigue a romper co sistema de protección integrador de Galicia.
Sinala que en Galicia non hai sitio para o racismo e que debe deixar de empregarse como arma para sacar rédito político.
Santiago, 20 de setembro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado pola directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e polo xerente da entidade Prodeme, Julio Cortiñas, visitaron esta tarde as instalacións do futuro centro específico para menores estranxeiros que foi obxecto a pasada madrugada, dun ataque con cócteles molotov.
Jacobo Rey sinalou que o vandalismo e a violencia son intolerables e desacreditan a aqueles que os cometen. Tamén insistiu en que non se pode usar a migración como medio para polarizar ou sacar rédito partidista, en clara mención ao que fai a oposición que se esforza por utilizar o sucedido hoxe, antes de coñecer o resultado da investigación, para alimentar os seus argumentarios.
Esta mesma mañá, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou que “dende a Xunta de Galicia condenamos con toda firmeza os ataques esta madrugada ao centro de Prodeme en Monforte. Pedimos prudencia e deixemos que a Policía continúe coa investigación para que aclare canto antes o sucedido”
A imposición do Executivo central obriga á Xunta a crear centros específicos para menores estranxeiros, modificando o seu sistema de protección da infancia e adolescencia.
A Xunta seguirá recorrendo este reparto ante a Xustiza, como xa fixo ante o Tribunal Constitucional, xunto a outras 10 comunidades de diferente signo político.