Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14.00 h. de hoxe

Extinguido o incendio de Barreiros-San Xusto de Cabarcos, que finalmente afectou unha superficie de 152,69 hectáreas, todas elas de monte arborado

Segue activo o lume de Pantón-Pombeiro (2.000 ha), onde está decretada a Situación 2 de maneira preventiva

Tamén continúa controlado o incendio de Lobios-Río Caldo (3,5 ha), que afecta o Parque Natural da Baixa Limia Serra do Xurés

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 14.00 horas de hoxe luns. A principal novidade arestora é que o lume rexistrado no concello lucense de Barreiros, parroquia de San Xusto de Cabarcos, deuse por extinguido esta mañá.

LUGO

ACTIVOS

Activo Pantón-Pombeiro. Activada Situación 2

Ás 14.16 horas do pasado xoves, día 18, iniciouse o incendio forestal do concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, que continúa activo e no que se mantén activada a Situación 2 de forma preventiva. Segundo as últimas medicións tomadas dende o terreo, afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas, parte delas no concello de Sober. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 24 técnicos, 148 axentes, 169 brigadas, 116 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Neste lume colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

EXTINGUIDOS

Extinguido Barreiros-San Xusto de Cabarcos

Ás 10.00 horas de hoxe quedou extinguido o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros, parroquia de San Xusto de Cabarcos, o domingo 14 ás 16.14 horas. Finalmente, afectou unha superficie de 152,69 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 87 axentes, 121 brigadas, 94 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 3 avións.

OURENSE

CONTROLADOS

Controlado Lobios-Río Caldo

Ás 19.59 horas de onte domingo quedou controlado o lume iniciado ás 05.09 horas dese mesmo día no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, que se rexistrou en dous puntos. Segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 3,5 hectáreas, parte delas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse 16 axentes, 30 brigadas, 12 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións. Neste incendio tamén se contou coa colaboración de medios portugueses.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

 

Data de actualización: 22/09/2025