Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19.30 h. de hoxe

Está xa estabilizado o lume de Pantón-Pombeiro (2.000 ha), onde  tamén se desactivou a Situación 2

Continúa controlado o incendio de Lobios-Río Caldo (3,5 ha), que afecta o Parque Natural da Baixa Limia Serra do Xurés

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 19.30 horas de hoxe luns. A principal novidade arestora é a estabilización do incendio forestal de Pantón, parroquia de Pombeiro, no que tamén se desactivou a Situación 2.  

LUGO

ESTABILIZADOS

Estabilizado Pantón-Pombeiro. Desactivada Situación 2

Ás 19.16 horas de hoxe deuse por estabilizado o incendio forestal do concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, no que tamén se desactivou a Situación 2. O lume iniciouse ás 14.16 horas do pasado xoves, día 18, e segundo as últimas medicións tomadas dende o terreo, afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas, parte delas no concello de Sober. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 24 técnicos, 156 axentes, 182 brigadas, 116 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Neste lume colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

OURENSE

CONTROLADOS

Controlado Lobios-Río Caldo

Ás 19.59 horas de onte domingo quedou controlado o lume iniciado ás 05.09 horas dese mesmo día no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, que se rexistrou en dous puntos. Segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 3,5 hectáreas, parte delas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse 20 axentes, 33 brigadas, 13 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións. Neste incendio tamén se contou coa colaboración de medios portugueses.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 22/09/2025