O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e co xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández Campa, recibiu a cesión de prototipos innovadores para ensaios clínicos nun acto celebrado no edificio administrativo de San Lázaro

Gómez Caamaño destaca que o proxecto Innovatrial dotará á Sanidade pública dunha plataforma única de ensaios clínicos ao servizo da mellor atención sanitaria

Resalta a utilidade á hora de optimizar a selección de pacientes para participar en ensaios clínicos

A Xunta validará agora os prototipos deseñados nun entorno real a través dos tres institutos públicos de investigación sanitaria

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo de relevancia a utilidade do proxecto Innovatrial para dotar a sanidade pública dunha plataforma única de xestión dos ensaios clínicos que estará, ademáis, ao servizo da mellor atención sanitaria.

No acto de cesión de prototipos innovadores para ensaios clínicos, no que se explicou a necesidade de contar cun sistema integrado de información para a investigación clínica, tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa.

Desta forma, dous prototipos de plataformas desenvolvidos polas empresas participantes (NTT Data Spain e IQVIA Information) no marco dun modelo de compra pública innovadora foron cedidas polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ao Servizo Galego de Saúde. A sanidade pública galega, como administración usuaria en exclusiva, continuará coas probas de validación e verificación nun entorno real antes da implantación definitiva.

O obxectivo da Consellería de Sanidade é crear unha ferramenta capaz de achegar valor aos investigadores, que simplifique e facilite procesos e que, ao mesmo tempo, repercuta directamente nunha investigación máis eficiente, cuxos resultados teñan efectos prácticos en beneficio da cidadanía.

Gómez Caamaño subliñou entre as utilidades dos prototipos a posibilidade de optimizar o proceso de selección de pacientes para ensaios clínicos e tamén facilitar a xestión económica dos propios estudos. 

Polo tanto, a Xunta poderá desenvolver na práctica os prototipos grazas ao labor dos tres institutos públicos de investigación sanitaria. O seu traballo será clave na fase de validación das solucións desenvolvidas, achegando a súa experiencia, o seu rigor científico e a súa capacidade de transferencia á práctica clínica.

Este proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e conta cun orzamento de 12 M €.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2025